Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna Libre

Aclaracións sobre o Morrasound para o señor Carro

Estimado señor Carro:

Entre o asombro e a incredulidade, dende a Asociación Cultural Fontenla vémonos na obriga de respostar ás acusacións vertidas sobre nós, que, segundo consideramos, son inxustificadas e carecen de calquera tipo de fundamento. É unha mágoa ter que chegar a este punto para que nos entenda e respecte o noso traballo, xa que na xuntanza que tivemos con vostede hai un par de anos semella que non quedou convencido.

Tentarei respostar a todas as súas acusacions, aínda que moitas delas poderían estar sacadas de programas da prensa rosa. Antes de nada, e como ben sabe, as partidas orzamentarias que o Goberno destina ós distintos eventos realizados no noso Concello NON atenden a unha cuestión de cores políticas, senón ao compromiso de dito evento coa cultura. Lamentamos profundamente que considere que se "favorece" a nosa asociación en base a dita aportación, cando esta non procede de vostede e, polo que entendemos, tampouco lle produce simpatía quen nos apoia.

Somos unha Asociación Cultural sen ánimo de lucro. É lexítimo que non o pense así, xa que cobramos unha entrada, pero como vostede mesmo dixo, o Concello é COLABORADOR, e non ORGANIZADOR. Espero que entenda a diferencia entre ambos xeitos de participar no evento, e máis aínda nun de tales características. O traballo da asociación baséase no tempo, o esforzo e as ganas dun grupo de persoas que, de xeito completamente desinteresado, leva a cabo os distintos eventos que realizamos durante todo o ano.

O prezo da entrada destínase integramente a pagar as actuacións, e os beneficios, cando os hai, son para sufragar a seguinte edición e/ou o resto de actividades complementarias ó festival, tales como o Samaín ou a Feira Eco-rockeira (sen contar co resto de concertos ó aire libre-aínda que xa sabemos que non é do seu agrado a música rock!) Sentimos que considere que a aportación do Concello para a carpa do Samaín sexa innecesaria, pero garantízolle que é o prezo que nos pon a empresa propietaria.

Sentimos moito que este sexa o prezo a pagar por levar a cabo actividades no noso Concello: a exposición constante a críticas, ninguneos e que calquera en base a elucubracións se tome a liberdade de cuestionar este tipo de aportacións. Sentimos tamén que, en vez de impulsar e de apoiar ó resto de asociacións do noso pobo, adique o seu tempo a crear controversias na prensa. E tamén sentimos que non comprenda a diferencia entre unha comisión de festas e unha asociación cultural: se compara o Morrasound Rock Fest coas festas patronais, o problema tenno vostede e non nós.

Agradecemos, en definitiva, que, sen contar con vostede, a veciñanza nos mostre o seu apoio e non cuestione algo tan básico.

Semella irrisorio pensar que a cultura neste pobo é cuestionada sempre por persoas como vostede. Pouco se interesou polo evento, e preocúpanlle máis unhas cantas verbas no periódico que unha charla produtiva coa directiva da asociación. E neste caso, a súa opinión non vai evitar que sigamos traballando e loitando polo que consideramos un proxecto digno no que invertir o noso tempo.

Queda vostede formal e publicamente invitado a reunirse con nós e a mostrar as súas ideas sobre o noso festival cando o desexe; nós non temos nada que ocultar, nin necesidade de pregoar na prensa o noso punto de vista constantemente. Ó contrario, sempre apoiaremos o impulso á cultura nas súas múltiples formas, e respectaremos sempre o traballo do resto das asociacións veciñas, que para nós son exemplo a seguir.

Espero que entenda a nosa resposta e a enfoque dende un punto de vista produtivo. Non buscamos polémica, nin temos interese en seguir con estas acusacións máis do que supón esta resposta. E non o facemos por nós, facémolo polos nosos veciños, que merecen saber a verdade do que ocorre, e non só a súa opinión, a cal, se me permite, pouco nos importa se non vai aportar máis que controversia.

Un saúdo.

*Secretaria da Asociación Cultural Fontenla

Compartir el artículo

stats