Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

AO PÉ DO FARELO

Vivir de medo ou vivir con medo

Para a Real Academia da Lingua Española, o medo defínese como unha angustia ante un posible risco ou dano, ben real ou quizais imaxinario. E, como segunda definición, enténdese que o medo é o receo ou aprensión de alguén ante a posibilidade de que lle suceda algo en contra dos seus desexos. Algunhas persoas saben ben que o medo ás veces resulta insuperable, paralizante e tan intenso que supera con moito a vergoña que se sinte pola nosa covardía.

Pero tamén hai momentos na vida nos que as nosas facultades mentais, a capacidade de decidir ou proceder dun xeito racional, nos resulta totalmente imposible e nos impele a realizar actos, mesmo delictuosos. Os avogados saben ben como manexar ante os xuíces este medo, como eximente, xa que anula a nosa vontade e chega a facernos confundir o ben co mal, o xusto co inxusto, a lei e a orde. Falamos do medo psicolóxico.

Pero tampouco podemos esquecer que na nosa lingua temos alocucións máis que expresivas do que supón para nós o medo, como algo accesorio e cotián e deste xeito falamos de que vai unha friaxe de medo, ou de que tal artista pinta ou canta de medo, ou de que a comida que estamos a degustar está de medo.

Isto lévame a lembrar o famoso poema de D. Ramón de Campoamor, que deu lugar á coñecida como Lei Campoamor: "Y es que en el mundo traidor / nada hay verdad ni mentira: / todo es según el color / del cristal con que se mira".

O que nos obriga a admitir que na nosa realidade nada é inmutable, nada é eterno ou perpetuo, nin tan sequera o medo, ou medos posibles e que ante o subxectivismo ou o relativismo da nosa vida, a verdade verdadeira, absoluta e total, non existe e o desencanto que transmite dende o pesimismo esta alocución supón a manifestación, en forma de metáfora ou de retórica poética, de que todo é mudable, interpretable e maleable segundo os intereses do que usa, e indica a medida ou poder dalgúns.

O final da miña reflexión levanos a pasar pola lei do embudo, saimos a un calexo sen saída, de Guatemala a guatepeor, entre os que viven de medo e os que vivimos co medo no corpo, algún día, ou non.

Recordo agora a letra daquela canción do cantautor argentino Jorge Cafrune, que dicía deste xeito: "Cuando querrá el Dios del cielo que la tortilla se vuelva, que los pobres coman pan y los ricos mierda, mierda..."

Compartir el artículo

stats