Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Países Ben Alineados

No pasado 21 de Xullo, Canal Sur transmitiu en tempo real a Conferencia dos Países non Alienados. Notouse un marcado Leitmotiv "hispanoamericanista": defender Venezuela da inxerencia procedente do Norte. Os vellos lembramos a Conferencia de Bandung e o nacemento do movemento internacionalista dos Non Alineados. Moitas cousas mudaron des. Xa non se ven figuras como Soekarno na Conferencia de Non Alineados. Agora un indíxena sudamericano que se reclama da súa condición estivo presidindo a última xuntanza da organización.

Boa parte dos representantes da conferencia destes días pasados érano de países que carecían de independencia nacional en 1955, ano do seu acontemento en Bandung. A prensa dependente dos EEUU silenciou ou minimizou a reunión. Non lles debeu gustar o canto xeneralizado e caso monocorde ao multilateralismo, á soberanía nacional, aos principios de autodeterminación nacional e aos valores universais da paz.

Representantes cualificados de 122 estados de toda a Terra, e moi especialmente do chamado, nalgún tempo, Terceiro Mundo, falaron. Pero estes días pasados os representantees dos Países non Alineados xa non eran tan probes coma en 1955. Estaban alí o estado máis extenso e rico do mundo e o máis poboado e veloz na adquisición de coñecementos. Estaban Rusia e China.

Todos eles defenderon a democracia e a legalidade vixente en Venezuela, certo. Tamén apoiaron o diálogo como vía única de resolución dos conflictos e a soberanía nacional como dereito inalienábel. Todos os presentes acataron as Nacións Unidas como marco superior, na mellor liña da Sociedade de Nacións, de entendemento da Humanidade. Condenouse, desde a ética e desde o dereito, o bloqueo alimentario e as sancións econónicas como armas de guerra destinadas a someter gobernos e pobos que non se deixan dominar nin explotar.

A nutrición, a saúde, a educación non poden ser usadas como armas agresivas e deshumanas. Constatou a Conferencia a presencia de focos de violencia extrema, que condenou con forza un representante de Siria aclamado polos congresistas. Foron detectatos e nomeados focos de crueldade máxima e de accións violentas no presente e no pasado próximo. Libia resultou escartelada e reducida á nada. Corre Oriente Medio a pantamas de Isis e, no mundo, outras formas de delincuencia multinacional. Cuba, Venezuela, Nicaragua, Corea do Norte e outros países, algúns menos vulnerábeis, reciben castigos económicos do Imperio, aínda que este ofreza amósegas de enfeblecemento. A Conferencia de Países non Alineados celebrouse en Caracas e os seus traballos tiveron lugar no Hotel Alba.

Compartir el artículo

stats