Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tribuna libre

Bernardino Graña, o home que quixo vivir

Coñecín a Bernardino Graña andando á escola, na academia do seu pai, onde aprendíamos diversas materias con férrea disciplina. Un día, en plena clase, un tipo delgado con lentes e perilla asomou pola porta reclamando a atención do mestre. Don Bernardino dirixiuse a toda présa ao corredor e púxose a rifar acaloradamente con aquel mozo. Foi unha discusión breve pero intensa. Co tempo souben que o motivo da liorta era unha decisión crucial que acababa de tomar e que ao seu pai non lle parecía moi acertada. Esa imaxe irrelevante mantense viva na miña memoria grazas a outras moitas que fun tecendo de maneira progresiva, remanecendo con elas a identidade, o berce e a vida. Bernardino dignificou ese tempo pasado, popular e mundano, integrando erudición e tradición dun xeito engaiolante e atractivo, mesturando na súa obra as raizames e os costumes do pobo como un ben adquirido que hai que respectar, valorizar e recuperar. Bebe da tradición oral, mesmo chega a elaborar unha antoloxía do conto popular na provincia de Lugo grazas a unha bolsa de investigación supervisada por Ricardo Carvalho Calero.

Bernardino é un fistor, un labrego que parola ao redor do lume en conversas que nunca dan rematado sobre a existencia humana e a brevidade da vida, na tasca, na taberna ou no furancho dalgún amigo. Pero tamén é un pastor que guía o seu rabaño de cachalotes mar a fóra, un quixote que vaga errático, un artista itinerante sen residencia fixa que sempre tivo como referencia o colo materno e a súa orixe: o mar, o mar de Cangas. Esta dicotomía entre sedentarismo e nomadismo podería resultar ambigua, pero considerando que Bernardino é o "poeta do mar", como mariñeiro curtido pode pasar longas tempadas embarcado, sucando os mares en interminábeis periplos como un argonauta na procura do vélaro de ouro, para logo regresar a porto, ao comezo, á procedencia, ao berce, onde ficar un tempo a construír con acougo un novo chanzo do seu relato vital. Así foi como atracou nunha infinidade de peiraos nos que tomou a voz e a palabra e sementou a súa paixón lúcida, devoradora e comprometida coa lingua e a cultura galega, contribuíndo á mesma cunha extensa obra, na que cultiva todos os xéneros literarios, pero que está focalizada maioritariamente no eido poético, onde vai a acadar o cénit do seu desenvolvemento artístico con sublimes poemas de amor e desamor, denuncia e compromiso, nos que subxace a natureza humana como instrumento e como arma.

Bernardino é un escritor telúrico en permanente contacto coa natureza e os fenómenos que se orixinan no seu interior. Sinte unha grande paixón pola dura realidade do mar á que o home debe enfrontarse a diario, pero tamén por aqueloutra que engaiola pola súa enormidade e versatilidade. Outra das trazas características que reborda na súa escrita é a oralidade, que adoita empregar con habelencia nese subxénero de literatura narrativa chamado fábula, coa que pretende inculcar a importancia do esforzo e o traballo persoal e moitos dos valores éticos e morais esquecidos na sociedade actual.

Cando remata os estudos universitarios nos que cursara o portugués como lingua románica fundamental, recibe unha bolsa para unha estadía de vinte e tres días nunha universidade portuguesa. Escolle a de Coimbra porque sabe que alí está Torga, un autor que descubrira durante a carreira e no que profundara por vontade propia. A obra de Torga alicerzase na dureza do mundo rural portugués, recorrendo a unha linguaxe simple, con historias que enfrontan ao home coas leis divinas e terrestres que o aprisionan. Bernardino aplica esa mesma doutrina na súa obra vertendo ademais ringleiras de auga salgada nas páxinas dos seus libros, con versos tripulados por sereas e peixes voadores de alén mar e sílabas mariñeiras que asubían melodías que ninguén soubo indicar de onde veñen nin a onde van, mentres na area húmida da marea baten as ondas sinalando cunha liña branca os lindes da inmensidade do mar.

*Veciño de Cangas

Compartir el artículo

stats