Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Sen Museo Arqueolóxico en Ourense

As vellas sociedades arqueolóxicas provincias tiñan a súa sede antano, igual ca as bibliotecas públicas, no edificio do Instituto General e Técnico, de Segunda Enseñanza, de Enseñanza Media ou como queira que as diversas innovacións de superficie en materia de ensino quixeron chamar aquilo que foi concedido en España, despois da Ley Moyano, como versión transpirenaica do Lycée francés nobrevemente xacobino e napoleónico.

O de Ourense foi un modelo. No edificio do Instituto, alén das aulas, estaban instalados os laboratorios, o gabinete de Historia Natural e, nas traseiras, unhas horta para os alumnos faceren prácticas da asignatura obrigatoria de Agricultura. Nas proximidades do Instituto, unha enorme extensión de valdío acolleu o Xardín Botánico. Este foi, e é coñecido, como Xardín do Pousío ou Posío, foi protexido por unha grade ou verxa igual ca a do seu modelo borbónico de Madrid. Dirixía o Botánico do Posío o catedrático de Historia Natural do Instituto, e dependía deste e non do concello. A Sociedade Arqueolóxica, logo, tiña acobillo no Instituto, que se convertiu, como Moyano soñara, no templo laico do saber e da cultura, destinado a ser antorcha de civilización que proxectare luz sobre toda a provincia. Dixo Otero Pedrayo que os institutos foran ergueitos polo moderantismo rosmando o Himno de Riego entre os dentes e polo baixiño.

E ben, nunha data que non lembro dos anos vinte do século pasado, o Instituto ardeu. A rúa Padre Feixóo, chamada así en homenaxe á razón ilustrada, encheuse de xente que ollaba impotente a catástrofe. As chamas cebáronse no mobiliario, nas coleccións. Os mamíferos disecados convertéronse en faíscas, e voltatilizaráronse os ácidos valiosos, ou non tanto. Arderon libros procedentes das bibliotecas dos mosteiros secularizados. Só resistiu ao poder do lume algunha porción do Museo Arqueolóxico por razón de estar constituida de materia incombustíbel. O Instituto de Ourense recuperou a súa gloria e o seu empaque pasados, felizmente. A horta desapareceu, sen embargo, en beneficio de non sei que frontóns ou campos de baloncesto.

O Pousío, xa xardín municipal, encontrase moi maltratado desde os días nos que foi pisado de piche e destinado a campo de verbenas e folións do Corpus. En canto ao Museu Arqueolóxico Provincial, nutrido de pezas importantísimas, pasou ao vello Pazo Episcopal e está en obras e pechado ao público desde hai décadas. E, o que é pior, sen espezandas de pronta apertura ao público. Sobre este Museo Arqueolóxico e sobre o Xardín do Pousío pesa algunha maldición ou fada que lle tolle a existencia.

Compartir el artículo

stats