Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Atlas de soidade" de Xosé Luís Otero, a evolución dun gran artista

Onte, paseando una vez máis polo delicioso sol de Príncipe, acerqueime ao MARCO para desfrutar novamente da exposición "Atlas de soidade" que é a proposta de Xosé Luís Otero para a cuarta achega do ciclo Metrópole, que recorda a mensaxe dese extraordinario filme que non fai moito tempo foi incluído no Rexistro da Memoria do Mundo da Unesco.

Xosé Luís Otero participa neste ciclo na súa dobre condición de pintor e escultor combinando as dúas formas artísticas, arte en tres dimensións, para integrar a paisaxe urbana e rural cunha perspectiva de inquietante soidade.

Dentro do conxunto do seu "Atlas de soidade" podemos encontrar as "arquitecturas baleiras", excelentes obras que mostran a súa evolución dende aqueles impresionantes portos e estruturas industriais que pintou no pasado ata estas inquietantes arquitecturas, baleiras, si, pero cheas de sentimentos íntimos.

Nos espazos dedicados á "estética da destrución", vemos como é posible construír pradeiras de fucus e sargazos utilizando refugallos de materiais de uso común. Eu, coma biólogo mariño, sentinme inmerso en mares e penas cheas de algas mariñas coa placidez de ser produto do bo uso do aparentemente destruído. Un pracer este reflexivo descanso na ampla sala de espectaculares cadros. Isto permitiume contemplar sen problemas as "colmeas deshabitadas", algunhas delas impresionantes espazos reticulares que recordan os hoteis de insectos tan humoristicamente usados por algúns excelentes arquitectos. Outras colmeas deshabitadas, listóns erguidos coma estilizados rañaceos sacados da Metrópole de Lang, permiten meditar sobre o paso do tempo e de como, despois de tantos anos, as inquedanzas humanas por chegar máis alá aínda perduran.

Os "homes devoradores", cadrados ou redondos, os máis coloridos, mostran, non obstante, a crueza dos eritrocitos libres despois da destrución que certos homes, os crueis, provocan cando devoran canto tocan. A súa visión transmite certo arrepío a pesares da súa aparente candidez.

E, finalmente, a serie das grandes composicións "Atlas de soidade" propiamente ditas. Intrigantes, desconcertantes. Misteriosas coma libros e imaxes de descifrado imposible. Claro, os paneis da sala nos dan a chave, son o Aleph, a ilusión do tempo e o espazo, os cadros do espazo que contén tódolos cadros, os cadros que permiten comprender toda a exposición de modo simultáneo.

Se queren desfrutar dun gran pintor, maduro, xa non fácil por todo o seu proceso evolutivo e de dominio das técnicas, se queren meditar sobre a perspectiva urbana da arte, se queren reflexionar sobre a soidade interior, achéguense ao MARCO a ver esta imprescindible mostra de Xosé Luís Otero.

Compartir el artículo

stats