Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Torres de Meirás e non volverás

Pois resulta que a avogacía do Estado Español atendeu un clamor popular emitido polas forzas do ben. Todos parecen inclinarse a considerar as Torres, Granxa ou Pazos de Meirás patrimonio público que detenta e usurpa a familia de Franco. Falo polo que di a prensa. E vexo, no que nos contan, algunhas cousas sorprendentes. Por exemplo dúas vendas, unha das cales obviamente fraudulenta. A propietaria de Meirás, Emilia Pardo Bazán Rúa Figueroa tiñas dous herdeiros: Jaime e Blanca Quiroga Pardo Bazán. Dado que o varón fora fusilado en Madrid, segundo se conta, ao comén da Guerra Civil, sería lóxico que a venda do predio á comisión franquista da Coruña a efectuasen Blanca e os herdeiros de Jaime.

Pero, segundo conta a prensa, quen vende Meirás é a viuva de Jaime, Manuela Esteban Collantes. Ao parecer Franco, sempre so asesoramento de Barrié de la Maza, simulou unha segunda compra. Franco despois de recibir o Pazo finxiu que llo compraba el á Consuelo antes citada. Blanca, ou Blanca Nieves, Quiroga, filla viva, e ben viva de Emilia, no figura na información que se nos dá sobre tan empocarllado asunto. A primeira compra de Meirás efectuouna a comisión pro-pazo e entregoulle este a Franco como regalo. A segunda compra fraudulenta fíxoa Franco persoalmente e actuando por poderes Barrié.

Todo este galimatías é aquí evocado porque dá moi ben conta do grau de corrupción en que se movía a instancia suprema do estado totalitario español. Desde calquera punto de vista, encontrámonos perante un delicto dos tipificados tradicionalmente nas leis penais de España coa enxebre verba castelá "cohecho". É delicto que os funcionario altos e baixos, nos que se inclúen os políticos de todos os niveis, acepten dádivas de particulares. Non é preciso que o regalo sexa finalista ou destinado a mover o político a un acto, mesmo lexítimo, que favorexa ao doante. Abonda que un administrado dea e que un cargo público reciba. Franco colleu as Torres de Meirás e fixo delas e do entorno coruñés a súa corte de verán, coa fastuosidade que soía Alfonso XIII despregar en San Sebastián. En pago do regalo, Franco deulle a Barrié un condado e os permisos e o monopolio precio para asolagar, sen beneficio para Galicia, os nosos mellores vales agrícolas.

Naturalmente, isto foi denunciando aos catro ventos polo movemento popular de Castrelo de Miño, que permanece na memoria. Despois de Meirás Franco e señora puxeron os ollos nun dos altos lugares da memoria científica e literaria de Galicia, situado no centro da Coruña. Puxeron os ollos cobizosos na Casa de Cornide, e tamén a obtiveron por mas artes e tendo como axente a Pedro Barrié de la Maza.

Hai quen agora solta a lingua, após de anos estar calando a infamia. "Tarde piache -como dixera un Sancho Panza italianista.

Compartir el artículo

stats