Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Ourense: a Desfeita do Verde

Vexan que Vigo foi creando parques e xardíns ao longo do século XX, e coidando razoabelmente ben do seu mantenemento: Alameda, O Castro, A Guía, Pazo de Castrelos, parques forestais? Aínda que indesexabelmente xestionados por empresas privadas, aí están os nosos espazos verdes, nos que non inclúo agora Cíes nin Galiñeiro, para o goce dos habitantes da cidade en que resido.

En canto á cidade en que nacín e medrei, Ourense, nela ocorreu o pior no ramo do patrimonio municipal de que falamos. A Alameda do Cruceiro diu para un parking e o cruceiro que lle deu nome peregrinou e está noutro lugar. O Parque de San Lázaro foi desposuído da capela que lle daba nome, e esta perdeuse, na outra banda do Miño, da memoria dos ourensanos. Xa só os vellos lembramos a San Lázaro en San Lázaro. Os "jardinillos" de Concepción Arenal xa cuase non existen: levaron o monumento á ilustre ferrolá para un sitio lonxe e fixeron pasar os coches por onde eran os parterres. O campo da feira dos Remedios resultou escartelado e, en lugar de parque, é hoxe unha aglomeración desordenada de edificios públicos.

Quedan en pé, como moito, uns cantos espécimes de choupos pretos ou negrillos que dan pena. A Alameda, por unha parte perdeu moitos plátanos e pola outra foi invadida por cafeterías e bares. Xa non van nenos xogar á Alameda de Ourense, que nunca, na súa desolación, voltará a ser lugar de encontro os domingos musicais da banda municipal dirixida, coma tal, polo mestre Bragado.

A construción do edificio de Correos en terreos da Alameda no lugar onde antes acampaban os circos e tiñan os seus casetos de madeira fotógrafos e alfarrabistas contribuiu de moi cedo á aniquilación deste espazo arborado comunal. No século XIX, ao constituirse en Ourense o Instituto de xeral e técnico, ou de segunda ensino ou de ensino medio ou de bacharelato, seguindo a Lei Moyano, aqueles iniciadores dispuxeron nunha traseira a horta destinada para clases prácticas de Agricultura: hoxe é campo de deportes. A carón do Instituto crearon as autoridades académicas e municipais un magnífico Xardín Botánico, que o pobo chamou Pousío ou Posío. Circundouse o xardín dunha grade de ferro aberta en varias portas. O Xardín Botánico de Pousío púxose so a dirección do catedrático de Ciencias Naturais do Instituto.

Hoxe as diversas zonas orixinarias do Xardín están estragadas e descoidadas. Un paseo central foi usado longos anos para festivais e campo das verbenas do Corpus. Profanaron o Xardín con concreto e piche. A figura do director botánico desapareceu e a fermosura do sitio foise deteriorando por abandono. Sobreviven en Ourense os mínimos xardíns do Padre Feixóo e da Burga. Espero que por moitos anos. A tristura pensar que na cidade de Ourense ninguén pareza consciente do maltrato que sofren os parques e xardíns nos que antano gozaban os cidadáns e as súas proles.

Compartir el artículo

stats