Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

A penas uma estátua equestre na Praça da Liberdade

En Galicia existe un déficit de escultura figurativa e pública de personalidades de corpo enteiro. Houbo un tempo en que se lle erixía moito a don Casto Méndez Núñez. Persoa tan querida, e poeta tan venerado, coma Curros, con rúas e prazas a el dedicados, foi obxecto de interpretacións escultóricas públicas, pero todas carecen de pernas. Rosalía pétrea, en Santiago está sentada. Celso Emilio é recordado en boas esculturas; soen ser do xénero que na arqueoloxía céltica chaman "têtes coupés" ou cabezas cortadas que non chegan a busto. Estatua ecuestre, só había a de Franco en Ferrol. Nin cabalo nin cabaleiro chegaban á elegancia decimonónica da de Espartero en Madrid.

Menos mal que en Ferrol quitaron ese cabalo mal montado do lugar onde estaba, á vista da xente de ben que tiña que desviar os seus pasos por non sentir horror e medo. Dos reis de Galicia non se coñecen estatuas, como corresponde a unha nación colonizada e rexida por munícipes colonizados. Iso si, Tui pediulle a Oliveira unha ecuestre de Afonso IX, ou VIII, e o mestre da Praza dos Cabalos de Vigo puxo o monarca de a pé e agarimando o seu cabalino xeitoso e PRG (Pura Raza Galega) nun conxunto que aleda a vista. Escritores dignos e de corpo enteiro son ofrecidos en bronce á admiración dos que viven ou visitan Ourense. Unha é figura do Padre Feixóo, un pouco sombriza.

Outra, espléndida, a estatua reivindicativa de Concepción Arenal á que está unido un episodio de confrontación da autora ferrolá con Emilia Pardo Bazán que dividiu no século XIX non só Ourense senón toda a opinión ilustrada de Galicia, Asturias e Madrid. Estaba Concepción Arenal nos "jardinillos" que levaban popularmente o nome da autora. Era unha estatua amábel e dura, que vixiaba, coma unha mestra, os nosos xogos infantís. Esta de Concepción Arenal é, se non me equivoco, a única estatua pública monumental que representa unha muller en corpo enteiro e de pé en Galicia. Como non lle gustaba ao alcalde franquista, foi desposuído o monumento dos aditamentos deseñados por Parada Justel e levada lonxe, a un sitio desolado no que a dona de bronce perde a forza do seu xesto. Ningunha corporación municipal do réxime actual tentou devolver Concepción Arenal aos "jardinillos" e, o que é pior, ninguna forza política e social esixiu o tal "habeas corpus" simbólico. Pasei pola Praça da Liberdade do Porto e ollei para a estatua ecuestre que alí lembra a independencia de Portugal. Pedinlle emprestado a J. Viale Moutinho o título do seu relato para pór na cabeceira destas liñas.

Compartir el artículo

stats