Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

En memoria de Carlos Maside en Combarro en 1952, donde foi tan feliz

A Exposición aberta os pasados meses de maio e xuño no Museo de Pontevedra, Carlos Maside en Combarro, 1952. Bosquexos, debuxos e acuarelas, permitiu dar a coñecer a estancia deste gran pintor na vila de Combarro e a importancia da obra alí realizada, en que representou as súas xentes e as súas paisaxes, a través de máis de trescentos debuxos e acuarelas e algún óleo.

Faro de Vigo xa o anticipaba en certo xeito en 2012. Primeiro co artigo "Valentín Paz Andrade, Carlos Maside e Combarro en 1952" (15-4-2012). Pouco despois por medio da súa Revista Dominical Estela, cuxo número 520, do 13 de maio, dedicara a aquela estancia combarresa unha ampla reportaxe, co título "Maside, o pintor de Combarro". Nel dábase conta da longa investigación que levara a descubrir a obra feita por Maside entre agosto e outubro de 1952 neste pobo mariñeiro, a identificar a algunhas das persoas pintadas entón por el, e a documentar o modo en que viviu en Combarro, como un veciño máis. Salvador Rodríguez asinou un emocionante artigo documental a partir da información que lle proporcionamos quen realizamos aquel estudo no seo da Asociación A Solaina, e dos testemuños directos de dous dos modelos de Maside en Combarro, Antonio Besada e Maruja Vicente (a Peixeira). Andrés Dacosta e eu mesmo pechabamos aquel especial de Estela cun artigo dedicado á figura de Maside e á súa obra combarresa entón coñecida e identificada, que aínda non era toda.

Ese coñecemento máis amplo de "toda" a obra combarresa facilitáronmo logo María Esther Rodríguez, a principal biógrafa de Carlos Maside, e o seu compañeiro Xulio Maside, sobriño de Carlos e pintor como el. Xulio custodia en Santiago de Compostela os recordos do seu tío e parte da obra masidiana; entre ela, a maioría da que fixo en Combarro. Unha obra combarresa que tamén comparten a súa irmá Rosa María Maside e os seus familiares Elena Maside Miño e Carlos Maside Miño, así como o Museo Carlos Maside de Sada, ao que chegou a través de Luís Seoane. Este notable intelectual e artista galego foi quen, desde Buenos Aires, tivo un coñecemento detallado daquela estancia combarresa de Maside e dos "apuntamentos e acuarelas" alí feitos. Seoane coñeceu moi ben a identificación de Maside con Combarro e coas súas paisaxes e as súas xentes, que eran os homes e as mulleres do pobo traballador cos que o pintor cesurán se sentiu afectiva e ideoloxicamente irmandado. Por iso Luís Seoane deixou escrito en 1979 que "Maside foi un pintor que non desdeñou as poboacións en que vivíu, mais foron as cidades de Vigo e Santiago, e as vilas de Combarro e Noia as que lle serviron para representar a visión de Galicia que máis sentiu".

Esta identificación de Maside con Combarro é un feito que hoxe damos por sabido ou, polo menos, por amplamente divulgado. As case seis mil persoas que visitaron a Exposición Carlos Maside en Combarro, puideron comprobalo directamente, a través do máis do centenar de obras alí mostradas. Aínda máis, puideron sorprenderse e emocionarse con elas. Sorpresa porque se situaron diante dunhas creacións pouco coñecidas e inéditas na súa maioría. Emoción polo colorido, a viveza e a espontaneidade dos debuxos e as pinturas de Maside. E polo mundo real, vivido e transmitido por este gran pintor a través daquela obra, dunha Galicia pobre, traballadora, poboada de mulleres e homes que, en Combarro -e en toda Galicia- entón, pelexaban coas súas circunstancias e interactuaban coa súa contorna natural, a terra, os areais e o mar, para subsistir. Un Combarro e unha Galicia na que os nenos e as nenas, moitos nenos e nenas, tiñan infancias curtas, entrecortadas, porque as carencias obrigaban ao traballo temperán e, en moitos casos, a seguir coas súas familias a senda da emigración a América, novamente masiva. Maside inmortalizou aquelas existencias, elevounas á categoría do imperecedoiro. Maside deulle dignidade ao pobo ao representalo na súa circunstancia vital. Foi testemuña e testemuño dun tempo, do seu tempo, o da ditadura e as miserias da postguerra e os primeiros anos cincuenta.

O gran fotógrafo catalán Oriol Maspons (1928-2013) sostiña que a fotografía, máis aló dos seus valores estéticos, debía cumprir a función de notario da súa época. Maside pensaba algo semellante respecto da pintura. En 1956 confesáballe a Fernández del Riego para Galicia Emigrante que "o pintor había de afincar a raíz do seu arte nos elementos que forman o sustrato da personalidade: a unidade (ou o conflito) antre o home e o mundo". Mais o mundo entendido como "o espacio, o ámbito en que nos formamos; é decir, as vivencias directas: a paisaxe, as xentes, o clima, o modo e as condicións de vida, todo eso entendido nun senso fondo, sustancial, non superficial e <<pintoresco>>". O pintor e o intelectual, seguía Maside, debe ser "a voz do pobo (...), a parte máis sensibel do pobo mesmo, e o seu destino é percibir e dar forma ós seus sentires, arelas, afás, dores e gozos"; por iso "non pode ser conformista" nin "evadirse (...) na torre de marfil" porque ese illamento "é quizáis unha verdadeira deserción" do compromiso que o artista ten que ter co pobo.

A pintura-testemuño de Maside foi pois unha pintura militante. Identificada co pobo traballador. E ese pobo, exemplificado en 1952 a través da súa representación de Combarro, séntese recoñecido na pintura de Maside, cargada de realismo e verdade. Puiden comprobalo persoalmente durante os días da Exposición no Museo de Pontevedra. E a través das moitas conversacións que, co meu bo Andrés Dacosta e os meus compañeiros da Solaina, Antón, Xosé, Alicia, Loli, Maitiña, Manolo, Paco, etc., mantiven cos nosos conveciños de Combarro sobre as súas vidas e as vidas que compartiron no ano que Carlos Maside viviu con eles. E das conversas que establecín con quen alentou a Exposición desde a Deputación e desde o Museo de Pontevedra, particularmente Carlos Valle, que a incluíu na súa programación. Estoulles moi agradecido a todos eles, en nome propio e no da nosa Asociación A Solaina de Combarro. Estámoslle profundamente agradecidos a Carlos Maside por poñer nos seus pinceis a vida e as xentes de Combarro como expresión, imaxe, da Galicia que amou. En 1952 chegou ata esta vila. Pasou tres meses creadores intensos. "Aquí fun feliz", confesou. E desexou volver a Combarro. Non foi posible. Por todo iso queremos agora, en 2019, que quede sempre connosco. Por iso é polo que hoxe colocamos na súa memoria unha placa, na casa na que viviu, para lembralo un día tras outro. Para que lembremos que aquel insigne pintor quíxonos e que nós non o esquecemos. Acompáñennos!

*Catedrático da Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats