Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Carthago delenda est

Carthago delenda est é unha frase atribuída a Marco Porcio Catón (234-149 a. C.). Con ela, estando en loita Roma contra Cartago, xa nos últimos anos das guerras púnicas, remataba no Senado todos os seus discursos, querendo significar que Cartago debía ser destruída. Esta frase quedou como expresión dunha idea fixa que se persegue sen descanso ata convertela en realidade.

Albert Rivera, en febreiro de 2016, despois das eleccións de decembro de 2015 que ganou Rajoy cunha maioría exigua, negociou con Pedro Sánchez un pacto de lexislatura para propiciar a investidura deste, a pesar de que xuntos non tiñan maioría (por iso fracasou). Agora, gañando os socialistas en abril de 2019, négase a apoialo, cando si alcanzan a maioría absoluta no Congreso. PSOE delendus est é a estratexia obcecada que Albert Rivera impón no seu partido, conformando unha oposición radical ao sanchismo. Considera así que buscando a súa destrución será el o próximo candidato a investir. Competir con Casado, por un lado, para arrebatarlle a hexemonía da dereita, poñendo ademais o PP como socio preferente, e pecharse a negociar cos socialistas, por outro, para dificultarlle que gobernen con éxito. Rivera cre así que poderá converter a Cs na primeira forza política, establecendo ademais en toda España pactos á andaluza, que requiren do concurso de Vox. Algo que deu lugar a críticas internas, abandonos e declaracións varias de líderes europeos cuestionando a radicalización cara á dereita dun partido que naceu liberal e pretende medrar aceptando apoiarse na extrema dereita para alcanzar poder.

É evidente que aquel achegamento inicial de Cs ao PSOE, impoñendo un cordón sanitario a Podemos e pedindo o imposible de que o PP estivese no pacto para darlle o Goberno a Pedro Sánchez, ao tempo que descualificaba a Rajoy, non tiña unha recta intención. Levaba dentro, agochada, unha daga polas costas. Así se puxo de manifesto cando Rivera se opuxo á moción de censura socialista que desaloxou os populares do Goberno en maio de 2018, nun momento en que a demoscopia era favorable a Cs. Cousa que causou unha forte conmoción no seu líder, que veu en Sánchez un obstáculo para alcanzar as súas aspiracións políticas; motivo polo que, desde esa data, estableceu abertamente, con pouca fineza, obviando o interese xeral, a política de PSOE (Pedro Sánchez) delendus est. Unha idea fixa que, perseguida sen desmaio, incluso con enganos, evidenciando a supeditación errada do partido aos intereses do líder, será prexudicial para el mesmo e para o país.

A estratexia de Pablo Iglesias en 2016 foi, igual que agora, a de apoiar a investidura de Sánchez sumando con outras forzas, pero a cambio de entrar no Goberno. Cousa que non aceptou o PSOE, e que conduciu a unhas novas eleccións que remataron nun novo Goberno de Rajoy. Pactar con Rivera e ser investido cos votos de Iglesias foi a estratexia de Sánchez, que non resultou. Despois, na moción de censura, o apoio de UP sen pedir nada a cambio deulle o Goberno aos socialistas, pero supuxo para os morados, como acabamos de ver nas recentes eleccións, unha perda importante de votos. De tal forma que a organización está sumida nun serio declive. Outras cousas axudaron tamén, como as liortas internas, mal encaixe das discrepancias dentro dos órganos directivos, autoritarismo no exercicio do liderado, malos cadros, mala estratexia e peores alianzas; pero, sobre todo, aínda sendo importante o anterior, deixarlle aos socialistas todo o Consello de ministros para gobernar España no último ano foi o seu grande erro. Por iso agora, Pablo Iglesias, temendo caer na irrelevancia, reclama de novo estar nun Goberno con Pedro Sánchez. Secasí, a pertinaz estratexia socialista de Podemos delendus est conducirá irremediablemente a unhas novas eleccións que, hipoteticamente favorables para o PSOE, poden ter consecuencias imprevisibles.

*Veciño da Estrada.

Compartir el artículo

stats