Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Vigo sen bombeiros

Aos poucos días de se proclamar a República en Portugal, fundáronse en Valença do Minho os Bombeiros Voluntarios. De modo que este corpo solidario da vila veciña, hoxe cidade, tén os mesmos anos que o derrocamento da monarquía portuguesa. Velaí unha coincidencia carregada de poder simbólico.

Desde que eu recorde, os Bombeiros de Valença gozaron da admiración e simpatía dos habitantes de Vigo e da súa bisbarra, a Terra de Turonio. Nos anos cuarenta e cincuenta do XX, o corpo de Bombeiros de Vigo era moi deficitario en canto a material, non en canto pericia e entrega dos seus compoñentes. Por iso, en incendios importantes desta cidade e dos seus arredores, as autoridades franquistas solicitaban a axuda dos Bombeiros Voluntarios de Valença, que tiñan mellor material anti-incendios e unha excelente organización e disciplina. Aos alcaldes de Vigo e aos gobernadores da provincia de Pontevedra non lles caía a cara de vergoña. Pero a superioridade do servizo de Bombeiros de Valença sobre o de Vigo é cousa que lembran todas as persoas da miña idade nesta cidade.

Despois dunha etapa de modernización do parque e de reforma orgánica dos nosos bombeiros (que non son voluntarios) entrou o corpo nun período de abandono por parte das autoridades municipais que coincide cos anos da actual hexemonía local do PSOE. A seguridade dos bens e das persoas nunha cidade en nun hinterland como é Vigo e a súa área de influencia áchase moi enfeblecida ao non estar na hora presente a plantilla de bombeiros cuberta. Os bombeiros vigueses organizan manifestacións e fanlle saber ao pobo de Vigo que non se cubriron as vacantes producidas en 2017, 2018, 2019. Isto fai de Vigo e da Galicia Sul que Vigo lidera un territorio altamente perigoso.

Se unimos a isto o feito de que o cadro activo dos bombeiros de Vigo, en máis da súa metade, tén de cincuenta anos para arriba, chegaremos á conclusión de que ao Concello lle interesa enfeblecer este corpo e servizo municipal con algún fin nunca confesado. A sobrecarga de veladas (así lle chamamos en Vigo ás "horas extraordinarias") é extenuante para a plantilla, o cal repercute na súa eficacia e axilidade operacional. Por parte, a autoridade municipal quer aumentar a xornada dos bombeiros de Vigo en máis de vinte horas ao mes.

Unha poboación civilizada tén a obriga de coidar, como el merece, de este corpo que tan ben e con tanta entrega vela pola integridade dos seus habitantes e bens. Todos os observadores independentes da política local de Vigo prognostican que o actual goberno municipal está a preparar unha privativación do servizo de bombeiros. Se esto resultase certo, Vigo sería unha cidade menos segura. Aínda que sempre nos quedaría chamar polos Bombeiros Voluntarios de Valença do Minho en casos graves.

Compartir el artículo

stats