Pois nada, amigos, enigmas resoltos, rematou o misterio. Finalmente, despois de todos aqueles días de dimes e diretes, de pactos e acordos, de puñaladas traperas, de onde digo o que quería era dicir Diego, e un infinito e moito máis disparate ao cubo, que pon sobre a mesa o que sempre pensei, que na política e cos políticos: A realidade é capaz de superar en moito a máis disparatada ficción.

Velaí o temos, neste xogo que resulta ser a nosa política, a municipal falo, que ao fin e ao cabo eche a que nos toca máis de preto e, por moito que digamos que non coa boca pequena, dende logo é a que máis nos interesa e afecta, e máis dores de cabeza produce, entre insultos e ameazas, porque aos electos, os nosos concelleiros, témolos de veciños, de amigos de viños, de coñecernos e xogar xuntos nas rúas de nenos; sen dúbida, iso condiciona, marca e supón un estigma para sempre, de filias e fobias, de amores e odios.

O baile destes interminables días, dende o 26 de maio -no que falamos co noso voto nas urnas- ata o pasado sábado 15 de xuño, resultou extenuante para moitos de nós que seguimos o cotarro, directamente, ou ben a través dos xornais e medios de comunicación. A cada paso quedabamos máis e máis estupefactos ante o dislate e o desaguisado, de pactos e re-pactos, de fritos e refritos, de acordos e desacordos, ás veces impensables, imposibles e surrealistas, nos que os nacionalistas de esquerda elixen un alcalde de dereitas e os do centro conseguen a vara municipal, co apoio in extremis de non sei que non sei quen, con tal de que non saia non sei canto.

Todo un mostrario, do que se pode vivir, ver para crer e non comprender, deste patio do tío Eustaquio que resulta ser a política do noso país. E, ollo, que aínda non rematou o pasteleo e o reparto da tarta porque, ao final, tan so se trata diso, de repartirse a tarta do poder entre uns poucos e se, de paso, me cae un anaquiño, unhas migallas, pois benvido sexa. Xa saben: Todo para o pobo pero sen o pobo.

Cousas veremos, cousas estamos vivindo, pero insisto en que aínda falla a traca final, e verémola se Deus quere, o caso é pactar con Deus e máis co diaño se fai falla e, ao mesmo tempo, con tal de seguir eu no posto, do que sexa, alcalde, concelleiro, presidente, ministro ou conserxe e rapaz dos recados.

Xa o dixo o xenio do humor Marx, non don Carlos, do que xa ninguén se recorda -porque non, nos nosos tempos de hoxe non toca iso das ideoloxías-, non, estou a falar do Groucho, o do puro e a ironía: Estes son os meus principios, se non lle gustan teño outros.

Pois iso, pasteleando que é xerundio, nesta política de pactos e pasteleo.