Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

de bolina

Xosé Ramón Pena

En marcha (nupcial)

Ao pé mesmo da noite de San Xoán, tal e como o gran músico alemán -Shakesperare mediante, claro é- determinara, velaí que renacen os compases solemnes da man de Felix Mendelssohn. En Sevilla, que marabilla! -vale, vale!; ben sei que a noiva é natural de Torrejón de Ardoz pero..., onde, senón, no conxunto das Españas, arquipélagos, prazas de soberanía, artigo 155 e Perejil adxuntos pode acontecer un evento tal?-, e como, nin que dicir ten, coñecen dabondo os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais, veuse deseñar o preciso territorio, o locus amoenus total e mediático megaguay. Estamos a falar, claro é, do casorio, sarao, convite, cerimonia, alarde e pavoneo, pompa, exaltación, pleonasmo e boato..., moi sublime vodorrio celebrado na capital de Andalucía entre Dna. Pilar Rubio Fernández e D. Sergio Ramos García, o pasado sábado, 15 do mes que habitamos. Unha epifanía á que, de certo e cando Vdes. anden a ler as presentes liñas, se virá sumar esoutro fervor causado pola concordia entre a "princesa do pobo" -oxímoron, contradictio in terminis, self-refuting idea do noso tempo-, Dna. María Belén Esteban Menéndez e D. Miguel Marcos, "el Miguel", Deus, Tele5 e mais Jorge Javier Vázquez omnipotentes arreo. Ou o que vén ser o mesmo: de tertulia de "Sálvame" en tertulia de "Sálvame" e "tiro porque me toca".

Quen nolo ía contar! C'est la vie, mon ami! Cando os impíos, volterianos e revoltés esfregaban as mans, convencidos da inmediata apocalypse now de vicarías e madriñas, do irremediable colapso do arroz, os chaqués e as pamelas, velaí que, de súpeto, e cal ave fénix renacendo entre a fervenza das corcheas nupciais, unha inusitada coalición de hipsters, coros rocieros, cuñados e cuñadas, ases balompédicos, stars da pasarela, fans eurovisivos, frikis de Julia Roberts/Hugh Grant e (parte do) mundo queer volven poñelas de plena actualidade. Velo para crelo! Eu, eu non sei Vdes., pero si que teño ás veces a desacougante sensación de nunca acertar en nada -menos, iso si, naquilo que máis quero- e, sobre todo, de ter desaproveitado, parviño que son, as posibilidades da lista de regalos. Cachis na ditadura, cachis na progresía, cachis na Transición! e, claro é, cachis na pobreza!

Sissi e Francisco Xosé; Victoria e Alberto; Afonso XII e María de las Mercedes; o sha de Persia e Farah Diba; Rainiero de Mónaco e Grace Kelly; Carlos Gustavo e Silvia de Suecia; Jacqueline e Aristoteles Onassis (vale, ok: non formaban parte da aristocracia, pero como se o fosen; é dicir, ela); Carolina de Mónaco e Philippe Junot; Lolita Flores e Guilermo Furiase (vale, ok outra vez: pero non me dirán que a noiva non pertencía á familia real calé!); Carlos de Inglaterra e Lady Di... en fin, máis próximos, Eugenia Martínez de Irujo e Francisco Rivera Ordóñez, Felipe VI e Letizia -con monseñor Rouco Varela facendo ostentación dos seus superpoderes: realmente, a Súa Eminencia estaba en todas as partes, e ao mesmo tempo, naquela chuviosa xornada!-. Houbo un tempo no que reis, raíñas, príncipes e princesas, duques e duquesas... ocupaban as páxinas de papel couché, as reportaxes de colorinchos múltiples e mesmo as pantallas dos televisores. Facíano, iso si, en competencia aberta con esoutros eventos cinematográficos made in Hollywood, todo fantasía, música feliz e technicolor ad hoc: "Sete vodas para sete irmáns", "O pai da noiva", "Cinderella"; "O violinista no tellado"... Alegría e glamour a esgalla para soñarmos con ser felices e comermos perdices, colorín, colorado.

Mais, tal e como foi escribir o poeta, "mudam-se os tempos, mudam-se as vontades./Muda-se o ser, muda-se a confiança./Todo o mundo é composto de mudança/tomando sempre novas qualidades". Ben pouco foi durar, daquela, o de Carolina e Junot. Canto ao de Carlos e Diana, a cousa acabou como acabou, todo un rosario da aurora british, sir Elton John ao fondo, adaptando a letra de "Candle in the Wind". De novo máis próximos, non me fagan falar/escribir en que cousa deveu o de Elena e mais Jaime ou esoutro da duquesa de Montoro e o vinculeiro de Paquirri. En fin, está claro que a aristocracia xa non é quen de ofrecernos aquilo que nos ofrecera. Porén, e como aseverou aqueloutra Raíña, the show must go on. Deste xeito, "escudos pintan escudos/y tahures muy desnudos/con dados ganan condados./Ducados dejan ducados,/y coronas Majestad": eis que toda unha lexión de afoutos plebeos "parvenus", podres de cartos, andan a asaltar as portadas do "Hola" día si e días tamén.

"Como aseverou o vello das barbas -refíreme un amigo de meu, decote con propósitos radicais-, está moi claro que hai que sumistralles aos elementos populares a súa dose de opio cotián". Poida, en efecto, que leve razón. Despois de todo, ben que o expresou, da súa parte Manu Chao: "Me gusta marihuana, me gustas tú". "Que podemos obxectar?", preguntarán, caso, algúns de entre Vdes? Je ne sais pas. "Que lle podemos facer?". Je ne sais plus.

Compartir el artículo

stats