Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Poemas sen rima

Nunha ocasión, un membro do Goberno de Attlee, primeiro ministro laborista inglés despois da Segunda Guerra Mundial, solicitoulle por carta consentimento para editar un libro de poemas. A resposta foi: "Non se pode publicar, os versos non riman". O ministro-poeta entendeu que non concordaban coas ideas do premier.

As eleccións municipais, autonómicas e europeas do 26 de maio déronlle un claro triunfo ao PSOE; que non á esquerda, pois UP esboróase, saíndo fortalecido Pedro Sánchez. Cidadáns perdeu relevancia, por non ser quen de tomarlle a dianteira ao PP, e tanto un coma outro non gañaron en ningún lugar estratéxico, aínda que os populares, sufrindo unha gran derrota, quedaron coa posibilidade de conservar o Goberno da comunidade de Madrid e facerse co do Concello, pero pactando con Cs e Vox. Un pacto difícil para Rivera, que quedou como subalterno de Casado e valedor da extrema dereita.

Cs, sen vencer en comunidades ou grandes cidades, queda con capacidade para formar gobernos, pero destas alianzas vai depender o seu futuro. Proclamar que para entenderse cos socialistas esixiríalle renegar de Pedro Sánchez foi un disparate. Pactar non é pecharse na propia ideoloxía nin negociar conviccións. É entender que a diversidade establécea a cidadanía. Por iso hai que ter sentido do pacto. Se nos poñemos a discutir sobre as cousas que vemos diferentes, pasaremos a lexislatura discutindo; se traballamos sobre o que estamos de acordo, pasarémola traballando xuntos. Ben para todos. Valls, pola súa parte, que en Barcelona perdeu credibilidade por mor do pacto andaluz e a manifestación da praza de Colón, apoiou a Ada Colau en Barcelona, sen condicións, para evitar un alcalde independentista. Isto chocou cos dirixentes de Cs, que o desautorizaron, e declararon que só apoiarán o candidato socialista; unha posición ofuscada, contraditoria e que non serviu para nada.

Vox, que perdeu a metade dos seus apoios, entra en 9 parlamentos gañando influencia, polo que fará valer os seus votos para condicionar os gobernos do PP con Cs. Sendo decisivo para os gobernos de dereita, apoiando no seu momento o pacto andaluz sen estar na mesa de negociación con Cs, lanzou agora un firme desafío: sentar a acordar con eles ou non habería pactos. O que conduciu a que en Madrid, finalmente, a extrema dereita quede con máis influencia da que cabía esperar.

Junqueras e Puigdemont entran na eurocámara, aínda que non é seguro que poidan acadar a condición plena de eurodeputados. ERC gana en Barcelona e os soberanistas obtiveron maioría nas municipais. Xuntos teñen o 70% dos municipios. O voto independentista roza o 50%, e Cidadáns baixa notablemente. En Barcelona, a pesar de ser Maragall o máis votado, Ada Colau volve ser alcaldesa, pactando co PSC e recibindo o apoio dos tres concelleiros afíns a Valls.

Pablo Iglesias, que do 28-A ao 26-M debilitouse, perdendo case todos os concellos do cambio, ponlle como condición a Sánchez para apoiar a súa investidura non pactar con Cs e formar un Goberno de coalición con UP. Un poema sen rima, coma o do ministro de Attlee, que non concorda coa idea do presidente, que, neste caso, só acepta formar un Goberno de cooperación aceptando a proposta dalgún membro . A estratexia errada do líder de Podemos pode conducilo á irrelevancia. Por fortes que sexan as nosas razóns hai que ter en conta, ademais, a conveniencia de plasmalas na realidade.

*Veciño da Estrada

Compartir el artículo

stats