Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

Aldeas de dous mundos

Segundo os resultados das análises económicas publicadas por recoñecidas fontes no ámbito do Camiño de Santiago, o impacto económico dos máis de tres centos mil peregrinos que chegaron a Compostela no pasado ano foi de 324.083.206 euros. Ante estas cifras, resulta incuestionable o éxito internacional das estratexias de marketing implementadas pola administración autonómica, estratexias que chegaron a converter a peregrinación histórica a Santiago nun fenómeno de masas. Isto foi posible debido a que a sociedade asimilou o Camiño de Santiago a un amplo abano de significados, atopándose entre os diversos motivos da peregrinación os de carácter espiritual, relixioso, cultural, deportivo ou mesmo turístico. Tanto é así, que hai quen sinala a conveniencia de destacar no curriculum vitae a peregrinaxe a Santiago -no caso de que se realizase-, por ser susceptible de engadir valor nos procesos de selección de persoal no ámbito empresarial, sobre todo noutros países europeos. Pois, o feito de realizar o Camiño, asóciase comunmente a valores como a constancia, o esforzo ou a capacidade para superar obstáculos.

Dado que a práctica totalidade dos concellos ourensáns situados na Vía da Prata son rurais, cabe preguntarse como inflúe na poboación rural o feito de que, en pouco menos de tres décadas, as súas respectivas aldeas pasasen de ser espazos practicamente pechados a ser visitados por milleiros de persoas procedentes de todo o mundo. Unha das consecuencias máis evidentes quizais sexa o extraordinario aumento do uso das palabras "peregrino" e "albergue" no vocabulario cotiá da poboación, algo que indica o elevado impacto económico que ten o Camiño nas áreas rurais. Ademais, a variable afluencia de peregrinos e o ruído que causan os seus bastóns, consolidáronse como indicadores orientativos da época do ano na que estamos. Segundo van transcorrendo os meses, o Camiño vai aportando máis vida ás nosas aldeas e vilas quitándoas da súa monotonía, abríndoas ao mundo e situándoas nun mapa a nivel mundial. Incluso nalgunhas parroquias, os poucos veciños que acoden ás misas vespertinas durante os meses de primavera e verán convértense en pouco menos que estraños, ao compartiren oración con peregrinos que acoden á igrexa e rezan noutras linguas.

Os habitantes desas zonas son hoxe espectadores do fluír de peregrinos, coincidindo con eles principalmente nas beirarrúas das vilas, nos camiños das aldeas, nos bares, nas igrexas ou nas paradas de autobús. Aínda que a comunicación cos peregrinos é máis visual que verbal, a simple observación do fenómeno da peregrinación é enriquecedora para a poboación local, xa que o Camiño constitúe un mostrario da sociedade, achéganos a Europa e ao mundo e serve de ventá planetaria a quen non pode saír da aldea.

Nalgunhas ocasións, o humilde xesto de brindar un vaso de auga a un peregrino pode supoñer o inicio dunha estreita relación para o resto da vida, pero na gran maioría das veces os encontros entre poboación local e peregrinos son fugaces, porque ao igual que a auga dun río, no Camiño de Santiago nunca deixan de fluír novas persoas. Podería dicirse que nalgunhas zonas do rural ourensán coexisten dous mundos diferentes: o mundo despoboado e monótono da aldea e o mundo cambiante e vital que se crea no Camiño. Para a poboación local o peregrino constitúe o alleo, mentres que para o peregrino o alleo constituímolo nós. E é nesta confluencia entre o propio e o alleo, onde se xera unha das riquezas máis importantes que trae o Camiño e que resulta imposible materializar en diñeiro: a comprensión humana.

Compartir el artículo

stats