Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Afouteza

Segundo o dicionario da Real Academia Galega, "afouteza" é un substantivo feminino que significa: "Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades." Para un celtista, afouteza é moito máis. Para os milleiros de persoas que vivimos e sentimos o Real Club Celta, afouteza son as carreiras de Hugo Mallo, os goles de Iago Aspas, as paradas de Rubén Blanco... Afouteza tamén eran os pases de Augusto Fernández, as marabillas de Mostovoi, de Nolito ou os goles de Vlado Gudelj. Afouteza era Guidetti. Afouteza son as lágrimas de Iago Aspas, vendo como se salva o clube da súa vida.

Afouteza en Primeira División, a piques de descender ou a escasos puntos de competicións europeas. Afouteza con 4.000 persoas no campo en Segunda División ou con máis de 20.000 a punto de baixar a Segunda B e a consecuente desaparición do clube. Afouteza todas as veces que o fútbol nos roubou eses títulos que tanto merecemos: afouteza en Old Trafford e afouteza en Mendizorroza.

Esta tempada, LaLiga premiou á afección celeste co premio de "Xogador Número 12", que nos recoñece como mellor afección de España, todo isto é froito da devandita afouteza: cunha tempada máis que decepcionante, na que o obxectivo era loitar por entrar en competicións europeas e acabamos un punto por riba do descenso, unha horrenda planificación deportiva, unha campaña de abonados que deixaba moito que desexar e a máis que evidente Aspas-dependencia, cada dúas semanas enchíanse as rúas de Vigo de celeste e eramos máis de 20.000 persoas no Estadio Municipal de Abanca- Balaídos.

Unha afección, cuxa ausencia na tempada pasada lle custou ao Celta unha multa por non cumprir coa presenza mínima de público nas gradas de televisión, que aparece cando máis a necesitas, sexa nunhas semifinais da Copa del Rey ou xogándose a permanencia a dúas xornadas do final da liga, só pode definirse cunha palabra: afouta.

Outra mostra de afouteza salientable, quizáis a máis recordada pola afección nestes últimos anos, foi a da famosa tempada do 4,01%. No ano 2013, a falta de dúas xornadas para rematar a liga, o Celta era colista e tiña un 4,01% de posibilidades de evitar a temida Segunda División, da que xa se librara a tempada anterior. Non tiñamos nada a favor, agás unha cousa: a afouteza. Así, o Celta fixo os deberes e gañou os dous partidos que lle quedaban, un fóra e outro en Balaídos, co famoso gol de Natxo Insa do que (como non podía ser doutra maneira) Iago Aspas tamén foi protagonista; por outra banda, a derrota do Deportivo en Riazor outorgoulles a salvación aos celestes e afundiu ao Mallorca, Zaragoza e Dépor.

Desa tempada infernal, quedan aínda cinco xogadores no plantel actual: Iago Aspas, artífice da salvación deste ano e motor indiscutible do equipo, o capitán Hugo Mallo, os dous porteiros, Rubén Blanco e Sergio Álvarez, e Gustavo Cabral, referencia da defensa celeste e autor de goles trascendentais nas andaduras europeas do equipo vigués. Catro homes da casa e un xogador arxentino, que despois de sete tempadas en Vigo, é practicamente un canteirán máis.

Tamén niso se basea a afouteza amosada: na importante (imprescindible) presenza de canteiráns. Xogadores xóvenes, da casa, que sinten as cores e o escudo e sofren coma afeccionados no campo. A nosa canteira é a que máis xogadores aporta ás seleccións nacionais, con presenza de xogadores celestes en todas as categorías.

Pero non só nas seleccións nacionais hai ADN celeste, algúns dos equipos máis importantes de LaLiga teñen xogadores Made In A Madroa: o Valencia conta no seu plantel con xogadores como Rodrigo Moreno, Santi Mina, Daniel Wass e Facundo Roncaglia, cun pasado ligado ao club celeste. Pola súa parte, o Barcelona ten nas súas filas a Denis Suárez, canteirán que debutou co Celta B con apenas 16 anos.

Esta aposta pola canteira continúa na actualidade, 10 xogadores de 22 pasaron polas categorías inferiores do clube antes de debutar no primeiro equipo. Ademais, o corpo técnico do actual adestrador Fran Escribá conta coa axuda de dous exxogadores (un deles canteirán) celestes: Mario Bermejo e Borja Oubiña, o Gran Capitán Galego, presentes tamén na tempada do 4,01%.

En resumo, "afouteza" é un signo de identidade, unha palabra que resume os 96 anos de historia do club, afouteza é a canteira, A Madroa e Balaídos. O Real Club Celta de Vigo, a súa historia e a súa xente son afouteza.

*Lucía Chazo Bello é alumna do instituto Fermín Bouza Brey, de Vilagarcía, e obtivo un premio no concurso de redacción "Atrévete a ter unha idea", convocado pola Consellería de Cultura.

Compartir el artículo

stats