A miña primeira leitura extraescolar foi un cuaderno de banda deseñada elemental que levaba por título "Rabanito y Cebollita".

Dábamo todos os quince días o Lucho da Viuda de Lisardo e pagábao meu pai porque eu aínda non coñecía ben o diñeiro. Estamos na cidade de Ourense. Ao final da rúa onde viviamos, nas terras familiares da ribeira da Barbaña que aparecen nos relatos de Álvarez de Nóvoa (acento no primeiro o), medraban as coellas ou verzas, e as leitugas (menos). Ao mercado dos xoves, onda a praza de abastos, que levantara a II República, as rianxeiras de Seixalbo vendían legumes, froita e hortalizas. Vendían, coma tal chirouveas e tirabeques, que hoxe son comestibeis un pouco desaparecidos. Vendían fermosas cebolas, pero dos "rábanos" descoñecían até o nome galego: ravos.

No tebeo (en Ourense e en Marín chamábanse "chistes", do inglés " comics" citado ao comén, saían dona Berenjena e o Señor Boniato. Hoxe é o día, case oitenta anos máis tarde da miñas primeiras leituras, en que non sei identificar un "boniato" e ignoro o seu sabor. En canto aos "rabanitos", funnos coñecer moi lonxe e moi tarde, nas hortas penitenciarias de El Dueso. Houbo un día en que os galegos descobriron o arroz. E iso ocorreu no século IX, cando o conde Hermenexildo, avó (digamos para centrarmonos na Historia) de San Rosendo, conqueriu a Almedina e os arrozais que aínda hai no alfoz de Coimbra.

O arroz entrou na dieta dos galegos, e tamén máis tarde a pataca. Quedou implantado na cultura nosa o millo gordo, que sustituiu ao miudo que hoxe só aproveitan algúns ornitofilos para alimentaren os canarios. A "feijoa" e o "kiwi" foron moi ben recibidos en Galicia e a súa asunción pasou por un punto crítico no que os incipientes gostadores tivemos que aprender até mesmo o nome da froita.

As "borrajas" do dito castelán vulgarizado ("agua de?") nunca apareceron por acó. Si está a entrar a berenxena, que mesmo tén nome árabegale go de raíz persa e sabe fino e ben. O melón consolidouse e a sandía segue a ser vista como alimento menor.

Eu aprendín na primeira infancia o nome (castelán) do boniato. O máis provábel é que baixe á cova sen ter nunca probado o sabor de tal raíz, rizoma, tubérculo ou o que queira que sexa.