Comentabamos aí atrás, nunha destas bagatelas, cousas relativas ao "relato" de que tanto fala o estamento culto nestas feitas. É común ouvirlle decer aos historiadores académicos que aqueles que escriben o relato bélico, e teñen a última palabra sobre o pasado, son os vencedores. Se iso fose certo, non existiría a Biblia, que é o conto dos contos; e por excelencia.

O relato da sublevación e guerra de España de 1936 e 1939 escribírono os vencedores. Pero prevalece o relato dos vencidos. Porque este é Verdade. A Martínez Garrido e Antelo, alcaldes do Frente Popular e do PSOE, en Vigo e Lavadores fusiláronos os franquistas en 1936. O actual alcalde do PSOE no Vigo, que comprende Lavadores, non quer tirar abaixo a Cruz do Castro que conmemora o bando que matou a Antelo e Garrido. Isto que lles digo é verdade, e por iso pertence ao relato imborrábel. Claro que existen as fábulas, e a ficción, e o conto. Ou sexa: o mito. O relato ficticio pode perdurar, e mesmo ser inmortal, cunha condición. A de ter efectos de verdade poética. Iso ocorre coa Ilíada e coa Odisea, ainda co Ramayana. E cos cantos de Igor e do Cid e de Roland.

A Ilíada é bela en si, dada a súa elocuencia verbal e a grandiosidade dos caracteres, por moi falsas que semellen as aparicións e matamorfoses dos deuses. Estas moito menos espectaculares, nembargantes, ca os avatares dos deuses nos grandes relatos, épicos da India. Pero, endemáis, a Ilíada lanza unha mensaxe de Verdade ao futuro, a todos os futuros humanos.

Só da unión das fraccións sairá a forza necesaria para destruir unha grande potencia que, coma Ilíon, cometeu un acto reprovábel. Isto, e a forza do afecto mobilizador do heroe polo camarada perdido, fixo que os gregos vencesen e non deixasen en Troia pedra sobre pedra. Pódense construir estorias, pero a Historia é intocábel.

Por moito que en Compostela mintan xeración tras xeración, todo o que queira saber a verdade tena ao alcance da súa man. O Apóstolo non está enterrado alí e non veu de Ierulem a Padrón nun navío de pedra. Digan o que digan, a Alexandre Bóveda non o mataron por el amar a Galicia senón por el defender o Frente Popular no goberno civil de Pontevedra en Xullo de 1936.