"Se tiende a identificar el federalismo con una especie de exasperación de la descentralización. Hay algunos que ven el federalismo como la preindependencia y no es así. ¿Alguien piensa que en Alemania o Estados Unidos peligra la unidad territorial? Lo que habría que hacer es el otro movimiento complementario a la descentralización que es la cooperación. Por eso, el enemigo del independentismo es el federalismo".

Coido ben que, sen dúbida, han de ser uns cantos de entre Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais- aqueles que veñan identificar a cita de contado: en efecto, quen de tal xeito se expresaba non era outro máis que o novo presidente do Senado español, D. Manuel Cruz Rodríguez, durante o transcurso dunha, aínda ben recente, entrevista xornalística, concedida a un importante medio de difusión radicado en Madrid. Non teño, de certo, a honra de coñecelo personalmente; porén, amigos de meu, de plena confianza, indícanme que o novo máximo responsable da Cámara Alta resulta ser, ademais de alguén dotado de talento e probada cualificación profesional -o cal devén moi doado de comprobar para calquera-, unha persoa que actúa arreo de xeito cabal, prudente e dialogante. Con certeza que as palabras vertidas no interviú que comentamos, semellan dar cumprida fe de semellantes cualidades.

Infelizmente -e como, doutro lado, cabería agardar, dadas as circunstancias que nos aflixen-, tanto D. Pablo Casado como D. Albert Rivera foron lanzarse, arreboláronse mesmo, a unha carreira desenfreada por ver quen dos dous acusaba, culpaba, imputaba...,fusilaba verbalmente antes, máis e mellor, ao Sr. Cruz. Aída ben que, e velaí outra proba da súa capacidade de análise, o novo presidente do Senado xa matizara que resulta rídiculo que as forzas da dereita aseveren, si ou tamén, que o PSOE non é un partido constitucionalista. "¿Qué pasa? ¿Quién expende los títulos (de constitucionalista)?", pregúntase, daquela, o noso protagonista.

Traducido ao noso román paladino: estar a favor da unidade territorial de España non só constitúe un dereito democrático, senón que resulta ser unha actitude digna, razoable, solidaria e absolutamente progresista. Iso si: falamos, claro é, dunha España -ou Hespaña, como diría/escribiría Castelao- entendida na pluralidade dos territorios que a compoñen, na completa normalización da súa variedade cultural e lingüística e no respecto e asunción dos seus diversos rexistros. Porque acontece que a outra, a recentralizada -vendida, en termos falsos, como unha entidade igualitaria, superadora dos "privilexios" de determinadas comunidades, "liberada" dos "mil e un parlamentos e taifas"- non vén ser outra, en realidade, que a España decimonónica, caduca, fóra do tempo e -aínda que a mona vista de seda, mona queda- ás portas daquela, fatídica e ruín, da xeira da ditadura.

É preciso reiterar que, con todos os seus defectos, o estado das autonomías conforma, na historia deste país de países, unha etapa moi decorosa da nosa historia. Ademais, se tal non é..., a cal outra acudirmos, entón? Agora ben; esa fórmula, o "café para todos" aínda vixente, foi nacer, e desenvolveuse, no medio e medio dunhas circunstancias que todo o que teña un mínimo de memoria histórica coñece dabondo: a cousa daba para o que daba e aínda ben que tal foi. Anos, décadas enteiras despois, a solución federal non se presenta en ningún caso como a panacea para todos os nosos problemas; así e todo, e como detalla D. Manuel Cruz Rodríguez, constitúe a mellor solución da que dispoñemos para sermos quen de harmonizar o ideal igualitario-progresista con esoutra, necesaria, consideración á diversidade. Cómpre, xa que logo, facermos pedagoxía e explicar que o federalismo supón deseñarmos un espazo, España, capaz de superar de vez e por todas os medos, agonías e doenzas infantís que nos impediron -e aínda queren impedir- que os pobos que o compoñen accedan á madurez.

Fáganse, daquela, iso mesmo, adultos, o Sr. Casado e mais o Sr. Rivera. Canto ao primeiro, antes de autoproclamarse dispensador de certificados, comprobe primeiro a validez e autenticidade dos que el mesmo amosa. Polo que se refire agora a D. Albert, comprenda este que eses caramelos que toma -e que, en aparencia, lle fornecen tanta enerxía ou, mellor, tanta sobreexcitación- constitúen un obstáculo insalvable se é que pretende chegar a ser de veras unha persoa maior, dirixente dunha formación de persoas maiores e nunha España -Hespaña- definitivamente adulta. E, claro é, xa vai sendo moita hora!