Cando as presentes liñas vexan a luz pública, estaremos en plena xornada de reflexión. O que é máis: en xornada de reflexión por partida dobre. Reflexión, claro é, respecto de a cal candidatura, de entre aquelas que mañá compiten por tal obxectivo, lle habemos de emprestar o noso voto, pero reflexión aínda verbo do desenlace desoutro evento anual que vimos de contemplar no pasado sábado, 18 dos presentes, e celebrado en Tel Aviv, Israel: un espazo, en principio e de certo, ben pouco europeo mais que a maxia friki eurovisiva foi transformar puntualmente en escenario ad hoc para que lituanos, suecos, franceses, neerlandeses e demais alleos impíos amosasen como lle cómpre as súas galas e debullasen aínda estrofas e rechouchíos en clave de pop diante das pantallas de TV. Spain? Non teño a menor dúbida de que todos Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais- coñecen dabondo o que veu acontecer.

Van xa aló cincuenta e un anos -51!- desde que Dna. Massiel e o "La, la, la" acadaron a vitoria (a ninguén lle parece acordar, porén, esoutra "Vivo cantando", con Salomé e mais os Valldemossa a corearen "he!", no seguinte certame). Verdade é que ao longo de semellante xeira, España obtivo aínda algún que outro bo resultado: velaí, daquela, a inefable Karina, clasificada segunda con "En un mundo nuevo". Ou os inmortais Mocedades, tamén segundos, con "Eres tú". Así e todo -e malia Rodolfo Chikilicuatre e o seu senlleiro, inenarrable "Baila el chiki-chiki", toda unha obra mestra do enxeño patrio-, a última vez que fomos quedar ás portas tivo lugar en... 1995! Fagan memoria da fazaña os eurofans (e os anti-eurofans): tratouse de Anabel Conde e "Vuelve conmigo". Mais logo diso...

Non sei se atendendo talvez á recomendación do vello adaxio castelán, que advirte arredor das consecuencias de poñela antes mesmo que a ferida, os versos co cantar hispano foron reiterar que "¡la venda ya cayó, la venda ya cayó!". E, en efecto, foi abrirmos os ollos de par en par e comprobarmos, entón, o tamaño da desfeita: todo un abismal barranco a agardarnos debaixo dos nosos pés! Contando, pois, con que a Sra. María de los Ángeles Félix Santamaría Espinosa xa leva demasiado sen pasar pola ITV (musical, quero dicir/escribir) e contando así mesmo con que Dna. Rosalía Garrido Muñoz respondeu á proposta de ser ela quen se encargase da representación nacional cun "malamente, mal, muy mal, muy mal, muy mal, malamente, ¡tra, tra!", qué cabe facermos, xa que logo? A cal santo/a milagreiro encomendar as nosas preces?

"É que nos queren mal! Todo iso da Eurovisión é pura politicada, e a España non lle fan nin p... caso! Pedro Sánchez dimisión!", sentenzan algúns, dura Vox populi a esbardallar polas cantinas adiante, digo/escribo o Congreso de Deputados. E é que, segundo eles, conformamos, en efecto, as vítimas propicias para un perenne contubernio masónico-bolxevique-separatista que anda arreo á procura de abrir o Estreito ás hostes de Muza (o mouro, naturalmente) e Tarik (o outro mouro leante) e poñer fin á Hispanidade. En fin, xa postos a botar a lingua a pacer, mesmo non falta quen asevere que se no 68 Massiel triunfou, minivestido guay por diante, tal suceso foi debido a que Franco estaba realmente en posesión da bomba atómica e ameazou con arrebolala sobre Xibraltar, lástima fora! E si; poida que agora teñamos fragatas e mais un portaavións chuli-piruli; pero, claro, se apenas os utilizamos en plan ONG e/ou para xogar a "afundir a frota"...

Sen chegar nin tan lonxe nin tan perto, este modesto cronista entende, non obstante, que algo si que habería que artellar, porque tampouco é cuestión de armarnos en humildades franciscanas e cruzarnos de brazos, sen máis. Ao cabo, que cousa somos? Bielorrusos a argallaren falsos xurados? De que raios nos serve formar parte do "Big Five"?

"¡Vale, vale! ¡Aceptamos pulpo como animal de compañía pero, por favor, no te lo lleves!" Con certeza que han de lembrar Vdes. -corría a data olímpica de 1992- o célebre anuncio do "Scattergories", o moi xenial xogo de mesa ao alcance de todos e todas. Pois ben; en nítida e xusta resposta, entón, ás moi insistentes maldades dos guiris herexes, propoño desde xa que os dirixentes de TVE se planten firmes diante dos seus colegas de alén Pirineos e lles espeten de contado: "tedes tres opcións, a saber: a primeira, que aceptedes a próxima ´La venda´que enviemos como animal de compañía, digo canción eurovisiva vencedora, si ou tamén. A segunda, que vos fagades todos o sueco; daquela, prepáradevos para un Spainexit inmediato e ide dicíndolle bye, bye ao Scattergories." "E a terceira?", retrucará aínda algún de entre os descreídos, revoltés. "A terceira, preguntades? Pois a terceira, meus...; a terceira consiste en que vos mandemos a Marta Sánchez cantando o Himno a toda voz. Si; absolutamente cruel, talmente como o Duque de Alba nos Países Baixos. Pero... o que avisa non é traidor!"