Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Unha cruz na memoria

Na Segunda Feira pasada atribuímoslle a Portanet a paternidade do monumento que se ergue, en memoria dos mortos franquistas da guerra civil, na aba do Monte do Castro, Vigo. Non era alcalde Rafael J. Portanet cando se erixiu a Cruz, senón Salvador Conde y Ponte de la Peña.

Inaugurou a obra o mesmo Francisco Franco, quen chegara á cidade disfrazado de "yachtsman" inglés (trataba quizais de emular a Juan de Borbón) no barco de recreo Azor. Nos castelos do Castro ou de San Sebastián estouparon as salvas de ordenanza en honor do Caudillo. Este, entre outras visitas e cerimonias, descobriu a Cruz dos "Caídos por Dios y por España" que proxectara o arquitecto municipal Emilio Bugallo. Ocorreu o 14 de setembro de 1961.

Disque daquela había descontento nas altas esferas franquistas porque a cidade de Vigo carecese dunha boa Cruz ou monumento aos "Caídos". E esta carencia subsanouse naquela data na se conmemoraban os 20 anos da exaltación de Franco ao cumio máis alto do Estado Totalitario.

Houbo en Vigo moita xente que pensou que, coa chegada do réxime actual, os concellos ditos democráticos ían retirar a Cruz dos "Caídos". Especialmente querían tal cousa as persoas que lembraban o fusilamento dalgún familiar nos cuarteis próximoas ao monumento. Pero non foi así.

No actual sistema político houbo catro alcaldes do PSOE, dous do PP e un do BNG que poideron eliminar a Cruz franquista. Non o fixeron nin sequera despois de a memoria histórica cobrar corpo de lei. Foron alcaldes que, por exemplo, botaron abaixo a estación do tren que cantara Curros Enríquez ou que desgrazaron a Ribeira do Berbés que é emblema de Vigo; pero que sempre se negaron a derrubar a Cruz do Castro.

Teño sobre a mesa unha foto do acto de inauguración da Cruz ominosa. Franco oculta a ollada tras os lentes oscuros dos que tanto gostaba a nomenklatura do Movimiento. Diversas autoridades rodean o Caudillo, coas súas condecoracións, as guerreiras brancas e as camisas azuis de Falange. Só aparece descuberto o Ministro Secretario General del Movimiento. É Solís Ruiz, que sorrí para a cámara como foi sempre hábito del. Outros franquistas sorrín tamén, visibelmente compracidos. A min dáme a impresión de que se están a burlar do Vigo futuro, dos alcaldes chamados democráticos, e de todos nós.

Compartir el artículo

stats