Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Insensibilidade polo patrimonio

Hai uns días recibín aviso do mestre e investigador Antonio Presas sobre a situación da mámoa de Castrillón, en Val de Trabancas (Agolada), e de paso comentábame da desfeita acaecida hai tempo nas dúas estacións de petróglifos coñecidas como Picurela I e II, a segunda xa desaparecida, tal e como informaba en xullo do 2016, dende estas mesmas páxinas de Faro de Vigo, o investigador Daniel González Alén.

A insensibilidade, a falla total de interese por parte das autoridades do noso Concello, co seu alcalde á cabeza, xa resulta vella e coñecida de todos, polo que non vou incidir no tema. O que si quero comentar é que se as mesmas persoas que teñen a obriga legal e moral de defender o noso patrimonio, a nosa cultura, o noso pasado e o legado que nos deixaron en herdanza os ancestros, pasan olimpicamente do tema, cando non fan a vista gorda, ou miran cara outro lado, ou mesmo defenden e incitan o paisano a facer, o famoso "ti fai e non te preocupes, despois xa amañamos nós", dos nosos alcaldes por un puñado de votos. Pois qué lles vou contar que non saiban por activa e por pasiva!

O caso de Agolada tan so resulta un exemplo máis desta total e absoluta falla de interese polo patrimonio arqueolóxico, etnográfico ou cultural do pobo. Cruceiros que desaparecen para sempre e quedan na noite dos tempos per secula seculorum ata caer no esquecemento. Restos arqueolóxicos, enténdase por tales: Castros, e aquí somos xenerosos na súa existencia, imos recordar, entre outros, os de Marcelín, Buxel, A Ermida, Borraxeiros, Galegos, Val de Sangorza, Lagares, Marquesado de Brocos ou mesmo o de Trabancas, moi preto da citada mámoa de Castrillón e dos petróglifos da Picurela; a maioría deles están desfeitos e estragados para sempre. E non falemos dos petróglifos, que da que chorar, como os de Gorgullón -afectados, tal e como denunciou no seu día o mestre Presas, por plantacións salvaxes de eucaliptos-, A Ermida, Ventosa, Gurgueiro, A Laxosa e moitos máis, maltratados e esquecidos. Mámoas asolagadas e perdidas baixo as palas dos tractores, nos traballos agrícolas e forestais. E unha infinita e interminable lista de atentados ao noso patrimonio, que non vou pormenorizar por non cansar aos amables lectores. Quen non recorda aínda a desaparición do coñecido Santito de Aián, a lauda medieval usada durante anos como columna soporte dunha casa, ou os casos dos cruceiros de Artoño, o de Brántega e agora, tristemente, o de Cristín (Borraxeiros).

En fin, que se lle pode pedir a xente que viven e conviven no rural, que precisan convivir no día a día para saír adiante malamente, con estes restos da nosa cultura e historia, e que tan so lle ocasionan molestias e problemas, cando as nosas autoridades nin saben, nin queren saber nin teñen conciencia, nin a máis mínima sensibilidade, cando mesmo algúns deles predicaban voz en grito: "Unha pala e tirar toda esa merda dos casetos dos Pendellos, que están cheos de lixo e merda, e a construír casas que é o que nos fai falla e da cartos".

Compartir el artículo

stats