Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Galicia, Esquerda, Nós en Vigo

Nesta columna lembramos os días de 1972 nos que Abel Caballero era víctima do aparato represivo franquista. Merece, o hoxe candidato á alcaldía de Vigo, o noso máximo respecto. Sabemos, nembargantes, que el pensa presidir no verán vindeiro a procisión do Cristo da Victoria (cál Victoria?) revestido da súa alta representación municipal, e conculcando os principios laicistas sobre os que se asenta, en Galicia e no Mundo, a democracia.

A cruz de Portanet no Castro vai ser preservada polo PSOE de Caballero, contra a memoria das víctimas e para risión dos cínicos. Se se deixa facer ao seu gusto ao PSOE, esta cidade seguirá sendo a pior dotada de Galicia en materia de arquivos, bibliotecas e museos. Antes de votar PSOE, os vigueses que aman a súa cidade deberán reflexionar sobre o que ese partido leva feito coa Ribeira do Berbés. Coa maioría do PSOE, en Vigo seguirán rodando os vitrasas privados en honor do xeneral Alonso Vega.

Este partido, reforzado, non vai remunicipalizar nin as augas, nin o lixo, nin os parques nin os xardíns, incluíndo o histórico alcouve da caeira Sul do monte do Castro. Non voltará o transporte eléctrico á urbe e ao seu "rus" cincundante.

Os que queren a implantación das xuntas de distrito e as parroquias civís, deberán abandonar toda esperanza. Nin o Centro, nin Bouzas, nin Candeán, nin Castrelos, nin Teis, nin Lavadores nin territorio histórico ningún de Vigo acadará existencia administrativa real cun PSOE absolutamente dominante.

A Ordenanza de Normalización Lingüística nunca será outra cousa ca papel mollado. Nin soñen en que o hínterland ou mancomunidade do vello Turonio, que vai do Miño á ría e ao Verdugo, se faga efectiva. Tamén non que este Turonio ou mancomunidade teña o peso que lle corresponde na eurorrexión que, co Norte de Portugal, debiamos chamar Gallaecia e que xa están a chamar así en Vila Nova de Cerveira.

O Peinador non será aeroporto de carga e mercadorías internacional por que tal reivindicación non se acha no programa do PSOE. Todo o cal nos leva a pensar que sería boa cousa afortalar a Marea de Vigo para deter o déficit de esquerda, de Galicia, de ánimo republicano, de cultura e conciencia atlántica que ameaza con seguir hexemonizando o municipio de Vigo. Por representar Marea de Vigo, unitariamente, as verdadeiras esquerdas que alentan aquí.

Compartir el artículo

stats