Gallego & Rey, na súa tira publicada o 26 de abril no periódico El Mundo, representa a campaña electoral do 28-A como unha urna volcánica coa súa cámara magmática, onde se concentran as máis altas temperaturas, a súa cheminea, que conduce ao exterior toda a presión acumulada, e o seu cráter ou boca por onde se derrama toda a materia incandescente e sae a nube ardente de cinzas, anunciando a catástrofe.

O 28-A foi unha verdadeira catástrofe para a dereita, un magma que lle impedirá gobernar por moito tempo. E unha derrota histórica para o PP que perdeu mais de 3,5 millóns de votantes, a maioría absoluta no Senado, 71 deputados no Congreso e deixou sen escanos a dirixentes destacados do partido. A súa estratexia de crispación, mirando cara á ultradereita e presentando a Pedro Sánchez como un felón que racharía España e traería a recesión, provocou que moitos dos seus votantes marchasen para Vox. E outros, axudados tamén polo transfuguismo alentado por Rivera, cambiaran para Cs. Vox representa a extrema dereita que o PP escondía dentro -non toda, porque aínda queda bastante no partido de Casado-, e percíbese como unha organización que pode traer a perda de dereitos e liberdades e retrotraernos a tempos escuros. Hai erros dos que un pode saír rearmado; doutros, perdida a credibilidade, non. Para un partido que pretende centrarse, collerse do brazo de reaccionarios e despois culpar o electorado do seu fracaso é tanto como cavar a propia foxa.

É propio das democracias partir da base de que a visión do mundo que un defende non é a única lexítima e admisible. A tolerancia e o respecto a quen pensa diferente é a súa esencia, non tendo cabida rexeitar a presenza doutros dentro do sistema, como fai Cs cos independentistas e, incluso, con outras ideoloxías e persoas. Co antecedente do pacto andaluz, competiu o 28-A cos seus socios radicalizándose e practicou o insulto e a descualificación dos adversarios ideolóxicos, recorrendo a hipérboles que empurran falsidades. Todo para recadar votos. Cunha campaña moi negativa, de golpes baixos, retrocedendo na loita pola igualdade e presentando a Sánchez como un inimigo con quen non se pode pactar, quedou no espazo da dereita, con escasas posibilidades de resituarse no centro político. Moi clarificadoras foron as proclamas da militancia socialista celebrando o triunfo de Sánchez o día das eleccións diante da sede do partido en Madrid: "Con Rivera, non! Con Rivera, non!"

Cunha campaña airada e confusa, apostando por un 155 perpetuo para Cataluña e actuando de bandeireiros a banderilleiros contra o bloque da moción de censura a Rajoy, toda a dereita colleitou un importante fracaso. Fracaso que se pode afondar o 26 de maio nas eleccións europeas, autonómicas e municipais. Ou inclusive despois, unha vez coñecidos os pactos e alianzas postelectorais. Cs terá que optar en moitas comunidades por renovar o pacto andaluz ou virar cara ao centro, como lle reclaman moitos dos seus votantes, empresarios e institucións diversas.

O PSOE, quedando cos mesmos escanos ca o PP na falida lexislatura de 2015, contrariamente a estes -que naquel intre non conseguiron apoios-, poderá formar un executivo en solitario sen precisar do respaldo dos secesionistas, o que permitirá un parlamento menos rouco. A pesar da insistencia de UP para gobernar en coalición, Sánchez só lle ofrece pactar un programa para a lexislatura, pero non entrar no Consello de ministros. Cabe esperar que Pablo Iglesias non se trabuque desta volta.

* Veciño da Estrada