Como cada ano desde que, en 1963, D. Paco del Riego lle propuxera á Academia, e esta aceptara axiña, a conmemoración do 17 de maio coa finalidade de pór de manifesto "o latexo material da actividade intelectual galega", veuse celebrar o Día das Letras de noso. Debe/non debe continuar como xornada festiva de xeito oficial -ou "día santo", tal que expresaban os nosos devanceiros- o 17 de maio? Semella adecuado/inadecuado mantermos o formato actual? Acertou a Academia desta volta co autor escollido? Se ben que, se cadra, cunha menor énfase nesta xeira, e como xa deveu norma habitual, velaí de novo as controversias. En fin, da nosa parte tentaremos debullar sequera algunha cousa ao respecto.

Sen dúbida, todos os autores designados até a data presente polos membros da RAG comparecen arreo donos dun currículo senlleiro. Pódese examinar, e mesmo debater daquela, iso si, se os méritos deste superan os de esoutro ou se a designación daqueloutro resultou ser a máis adecuada de acordo coa conxuntura e circunstancias que concorreron. Porén, cómpre reiterarmos asemade que, tanto D. Antonio Fraguas -que non "Antón"; repasen Vdes. a entrevista ao profesor Luís Cochón, aparecida onte en "Faro da Cultura"- como aqueles que o precederon na celebración, deveñen merecentes e con toda a certeza, dun "ía das Letras. Mais pódese -diría/escribiría aínda "débese"- suxerir, proxectar... reclamar asemade que os académicos se decidan de vez por superar determinadas teimas egoístas, venceren medos, libertárense de fantasmas... e forneceren de "luz e taquígrafos" a historia da nosa lingua e literatura, o relato eficaz da nosa cultura. Poño por caso, dedicarlle o 17 de maio á figura e obra de D. Jenaro Marinhas del Valle ou, desde logo, a esoutra de Carballo/Carvalho Calero. E é que, ao cabo, quen teme a D. Ricardo? Até cando haberá que agardar aínda para analizarmos a plena luz do día o seu legado e avanzarmos para alén de mitificacións, lendas e crónicas piadosas? Non seremos capaces de deixar atrás doenzas infantís e xulgarmos, adultos que somos, "piñeirismos", "galaxias" e "reintegracionismos/lusismos"?

Pero quen di/escribe Carballo/Carvalho Calero ou Marinhas del Valle di/escribe igualmente Castelao, Pondal, Curros Enríquez, Noriega Varela, Lamas Carvajal ou... a mesma Rosalía de Castro. E ben sei; ben sei que todos os citados xa foron obxecto dun Día das Letras. Non obstante, reparen os -sempre moi amables- lectores destas crónicas nas datas en que tal foi acontecer: 1964, no caso do autor de "Sempre en Galiza"; 1965 para o Bardo; 1967, se reparamos en Curros... Certamente, coido ben que todos Vdes. comprenderán de contado que non se trataba dun tempo especialmente propicio para o estudo e enxalzamento de tales persoeiros nin, moito menos, para conmemoracións como é debido. Xa que logo, por que non volvermos agora onde os nosos grandes clásicos? Que dificultade pode haber en que teñan, por así expresalo, unha "segunda oportunidade"? Tanto eles, desde logo, como todos nós, a cidadanía deste país, precisa, e tanto que si, renovar(mos) a súa magnífica lección. "Doutores ten a RAG"; así e todo, dita/escrita queda a suxerencia.

Mais acaso poida servir o 17 de maio para examinarmos con acougo e rigor algunhas outras cuestións. Sen ir máis lonxe, o presente/futuro das propias letras de noso.

Malia a incuestionable calidade de textos e autores, tal semella que, en ocasións, retornemos con todo a aquelas doenzas infantís das que falabamos máis arriba. Quero dicir que a literatura de noso debería -ou iso entendo, polo menos- preocuparse de certo por chegar a cantos máis, mellor, lectores; sen a súa presenza, non existe, ao cabo, a mesma cousa literaria. Agora ben; este cronista ten a sensación, o pálpito de vivirmos nun momento en que dita preocupación por acadar o mercado -os sonados "nichos"- se foi transformar nunha sorte de filtro, exame, proba do algodón... ou especie de cumpulsiva stargate cara á ansiedade pola que habemos de pasar si ou tamén. Pois ben; preocúpense, desde logo, os editores por semellante circunstancia; mais non condicionen, porén -nin eles se sintan condicionados-, os autores (apenas) por mor dela. Porque acontece que cada escritor e cada escritora teñen que dialogar, si, cos seus posibles lectores; pero non só cos lectores de hoxe, senón con esoutros, habitantes de todos os tempos (e lugares). Daquela, a literatura -a literatura que vale, aquela que permanece- diríxese, por esencia, a un "lector ideal", sexa este tan só un ou deveñan miles, a compoñeren arreo un discurso mediador entre a vontade de intervención aquí e agora e mais a utopía. De esquecermos ese principio, acaso consigamos pan para hoxe; mais gañaremos a fame para mañá. E outra vez o exemplo da traxectoria dos Castelao, Pondal, Curros... -ou o que vén ser o mesmo: o repaso á crónica das nosas letras, unha historia que agora vive en precario, cando non desterrada, nos plans de ensino- debería fornecer, entón, a validez do Día das Letras. De toodos os 365 días das Letras.