Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Bendito sexa o día, o mes e o ano

Manuel Gómez Román, o arquitecto Nós, concebiu con Francisco Fernández del Riego, activista na clandestinidade do primeiro franquismo, unha idea. Esta era a de crear un Día das Letras Galegas. Ambos asinaron a proposta e esta foi levada ao plenario da Academia Galega, á que ambolos dous pertencían. A Institución aprobouse. Gómez Román asumiu, despois do golpe de 1936, as funcións de presidente do ilegal Partido Galeguista e de membro do Frente Popular nas catacumbas que propulsara a Castelao a París, para formar gabinete de goberno da República Española no exilio.

Del Riego era un dos motores do aparato oculto do FP nos anos cuarenta do século XX. A fundación, pois, do Día das Letras Galegas foi política: nacionalista e antifeixista. Segundo fontes ben informadas habitualmente, a proposta del Riego/Gómez Román preparouse no café Alameda de Vigo.

Ficou instituido, pois, o 17 de Maio como Día das Letras Galegas. Rosalía de Castro asinara os seus Cantares gallegos unha dedicatoria precisamente no 17 de Maio de 1863. "Benedetto sia il giorno e 'f messe e l' anno", escribira o Petrarca nunha alta ocasión lírica. Si, abenzoados sexan o día e o mes e o ano no que Rosalía asinou en Vigo a dedicatoria dos seus Cantares. E tamén a data que inculcaron para sempre no futuro Francisco Fernández del Riego e Manuel Gómez Román.

Desde 1963, o Día das Letras Galegas non parou de medrar en importancia. Ano tras ano, se converteu en semana das Letras, logo en mes a finalmente en ano, coma se lle tomara a xente a palabra ao poeta do río Sorga. As Asociacións Culturais que controlaban as actividades patrióticas antifranquistas nas cidades axiña fomentaron actividades. O autor do 17 de Maio, que designa a Academia, foi así analizado con pormenor á luz espléndida deste Día. A Festa do Libro foi eclipsada polo noso Día das Letras, e dígoo con máxima reverencia e devoción plena por Cervantes. Pouco e piuco, o das Letras converteuse nun Día Nacional Galego.

No 1968 a UPG recuperou (fixemos ben) o Día da Patria. Pero este hai que compartilo coa impostura do culto ao Apóstolo, cunha festa confisional e nacional católica de España, co padroado da Arma de Cabalaría e algunha impostura indixeríbel cal é a batalla de Clavijo. O 17 serviu para a Romaría Etnográfica de Vilanova dos Infantes, para carreiras pedestres, para festas e músicas varias. Hoxe o 17 é Día de festa nacional e oficial: non o soñaron nun principio nin Del Riego nin Gómez Román.

Compartir el artículo

stats