Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Santiago Lago Peñas.

Moito máis que a AP-9

Un dos debates que mantivemos a semana pasada na reunión da Toxa do Foro Económico de Galicia tratou sobre a rede viaria galega e española; e sobre a AP-9 en particular. Foi un debate intenso no que emerxeron tres ideas principais, ao meu xuizo.

A primeira é que os españois somos pendulares e tendemos ao desequilibrio. Pasamos rapidamente de ser os que máis investimos en Europa, a recortar investimentos ata chegar a ter problemas mesmo co mantemento do que construímos no pasado. Convertémonos en campións mundiais da alta velocidade e esquecemos o tren convencional, apostamos polas vías de alta capacidade e abandonamos a rede convencional de estradas. Precisamos máis estabilidade e equilibrio.

A segunda é que non temos resolto o financiamento da rede viario, o que leva de seu agravios comparativos de difícil comprensión. Os galegos sabemos disto. Se vas de Vigo a Ourense, tes unha autovía de balde. Se va a Santiago de Compostela, pagas. Se vas de Lalín a Santiago pagas; se vas a Ourense, xa non. Temos que repensar isto. As vías de alta capacidade custa moito construílas e mantelas. Pero non pode ser que haxa tramos nos que paguen os usuarios e outras que paguemos todos. Esa sorte de lotería non é razoable, e hai que pensar en solucións alternativas a escala española, que afecten a tarificación e a integración global de toda a rede de vías de alta capacidade.

A terceira é que, aparentemente, a AP-9 non é excepcional no conxunto de España nin en altos prezos para o usuario, sinistralidade, rendibilidade para os propietarios ou deficiente mantemento. O cal é compatible con argumentar que en todo elo sería mellorable. A miña opinión é que, a curto prazo e namentres agardamos por esa integración a escala estatal, sería positivo que os responsables da AP-9 dialogasen máis cos poderes executivo e lexislativo galegos, para focalizar ben as principais eivas e tentar amañalas, pensando no benestar dos galegos e no ben da economía galega. Habería que aproveitar que os novos responsables de Audasa parecen dispostos a falar construtivamente.

*Director do Foro Económico de Galicia

Compartir el artículo

stats