Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Descansar na terra onde nacín

Rebulindo de arriba abaixo na interesante páxina web de "Ourense no tempo" andiven a procurar algún tipo de información literaria sobre Rodolfo Prada Chamocín, compatriota dos Peares, ese lugar onde casan tres ríos que tiña que ser considerado xa dunha vez por todas a capital da Ribeira Sacra, considerando que foi un dos primeiros membros correspondentes da Real Academia Galega, moi novo, a verdade, todo hai que dicilo, con vinte e seis anos cumpridos, promovido e nomeado polo propio Manuel Murguía, quen daquelas era o seu primeiro presidente.

Desafortunadamente non atopei nada, tal vez porque non se lle coñezan escritos literarios nalgúns dos xéneros clásicos, tanto lírica como narrativa ou teatro dalgún tipo, malia que teña escritos varios artigos xornalísticos, discursos ou cartas. Erro meu pensar que isto fose unha das condicións necesarias para ser membro do organismo emérito galego, pois o certo é que realmente non resulta de obrigado cumprimento, non hai máis que ver o artigo noveno dos seus propios estatutos.

A importancia de Rodolfo Prada destaca innegablemente na historia de Galicia polo seu infatigable labor político e cultural en aras do galeguismo durante a primeira metade do século pasado, resultando ser un dos máis importantes caracteres icónicos do que significou a diáspora na historia de Galicia. Dende o seu destino en Bos Aires promoveu xornais ás veces en galego tales como Acción Gallega, Correo de Galicia, El Orensano e Opinión Gallega, e tamén participou en todo tipo de iniciativas culturais, sendo o secretario da maior organización emigrante daquelas épocas, como foi o Centro Galego de Bos Aires.

Entre outras cousas, fundou o Partido Galeguista xunto a Castelao, Bóveda, Risco e Otero Pedraio; actuou de mediador entre a Galicia do interior e a do exilio. Como amigo de confianza de Castelao, tivo o traballo e a honra de publicar a unha das biblias mais senlleiras do galeguismo, en 1944, Sempre en Galiza, para o cal tivo que fundar unha editorial propia, "As Burgas". Para que dicir máis, se ben puido ser tamén o primeiro presidente da nosa preautonomía, e acaso outro futuro acadara á nosa historia.

Como bon galego, expresando ese sentimento afectivo e primario que supón para moitos a saudade, diseccionada con creces por Ramón Piñeiro, a quen coñeceu tamén en tempos máis comprometidos, quixo que os seus restos descansaran na terra en que naceu, sempre e cando a democracia e a autonomía formasen parte de Galicia. E na terra en que naceu descansa, malia que os seus méritos ben podían darlle entrada a formar parte do Panteón de Galegos Ilustres.

Compartir el artículo

stats