Sen dúbida que todos aqueles de entre Vdes. que "peitean canas" han de lembrar ben a célebre frase pronunciada, hai xa cousa de corenta anos, polo que fora, primeiro, ministro de Información e Turismo na derradeira xeira franquista e, posteriormente e no tempo da UCD, titular de Xustiza, D. Pío Cabanillas Gallas ao ser inquerido polos xornalistas logo da celebracións duns comicios electorais: "Hemos ganado. Ahora solamente falta saber quiénes". Pois ben; á vista de determinados editoriais, comentarios e artigos realizados/publicados en diferentes medios, comunicados da presidencia da CEOE..., si que parece que D. Pedro Sánchez Pérez-Castejón obtivo a vitoria nas recentes eleccións xerais. Así e todo, e de acordo sempre cos referidos, seica está por vermos aínda cal dos posibles "pedros" devén ao cabo -ou mellor dito/escrito: cal ha de devir, si ou tamén- o auténtico beneficiario de semellante fortuna. Daquela, venceu o "Pedro" alcaoite/valedor de independentistas, comunistas e batasunos, traidor aos verdadeiros valores da patria? Resultou gañador, máis ben, esoutro institucional e abeirado á moderación, a aproveitar a deriva cara a ningures de Casado e Rivera? E xa que logo: con cales aliados ha de conformar a súa maioría de goberno? Ten/non ten de coligarse o líder socialdemócrata con aqueles ou talvez con aqueloutros?

"Mandadores de alta finança/fazem tudo andar para trás./Dizem que o mundo só anda/ tendo à frente um capataz". De certo, este cronista ignora se D. Antonio Garamendi -presidente en exercicio da patronal- coñece/descoñece os versos daquela fermosa cantiga -"Os índios da Meia-Praia"- que compuxera José Afonso. En calquera caso, non caben as incertezas respecto do seu pensamento, así do exteriorizado como desoutro que mora de profundis: deste xeito, o señor presidente da CEOE non tardou en perdirlle ao próximo executivo das Españas "estabilidade e moderación", unida, carne e uña/uña e carne, ao "rigor presupostario". Traducido ao galego bravú: habite D. Pedro a Moncloa; forme o seu gabinete; faga perfecta pariedade entre ministros e ministras; declare os seus mellores desexos e logo.... Logo déixese guiar polas nosas -as súas, vaia- matemáticas infalibles. De ser posible, camiñe por elas/con elas en compañía de D. Albert. Mais se tal presenza lle produce picores e/ou alerxias, pode levar a termo a andaina só. Para o caso, virá ser o mesmo, sempre e cando a referida "estabilidade e moderación" compareza arreo en discreta harmonía.

Si que han de resultar coñecedores, porén, das estrofas do grande cantautor portugués esoutras xentes a agardaren, ansiosas, algo así como o principio dunha nova era. E é que, na súa estima, Pedro ben pode converterse no "seu Pedro": isto é, alguén que veña aceptar, feliz como unha perdiz, referendos, autodeterminacións, independencias e repúblicas varias. Un "Pedro" decididamente vermellón e rupturista que no só se desfaga de vez da momia de Franco senón que vaia desafiar aos mesmos Estados Unidos, explicitando o seu apoio a D. Nicolás Maduro e chegando a soñar o establecemento de alianzas firmes co Sr. Putin (D. Vladimir) e mais a súa renacida "mamá Rusia", e arrenego de paso do euro, da Unión Europea e mais da Merkel que a trouxo ao mundo!

"Solo o en compañía de otros". Parafraseando a célebre sentenza, acaso cabe coidar, non obstante, que existe ben unha maioría de concidadáns a agardaren que o señor flamante presidente non confunda aquilo de ter a cabeza centrada coa tentación de botarse nos brazos do denominado "centro" (un servidor de Vdes. criouse nun arrabalde) e veña desenvolver, en consecuencia, un programa de esquerdas. É dicir, o que por aquí rotulan como "programa de esquerdas" e que non resulta ser outra cousa, posto en termos europeos, que proxectarse no camiño dunha democracia avanzada. Sen estridencias nin "postureos" -por exemplo, non fai falta que volva nomear ministro a D.Màxim Huerta nin que vulnere as normas da gramática-, ben pode Sánchez, entón, lexislar en serio arredor das condicións laborais, fornecer a auténtica igualdade entre as persoas, sexa cal sexa o seu xénero e/ou inclinación sexual, afortalar a sanidade e mais a educación, investir en I+D, defender o dereito a unha morte digna... e, nin que dicir ten, mandar definitivamente ao lixo da historia "valles de los caidos" e absurdas condecoracións -efectuadas, ademais, sen contar nunca co previo consentimento dos afectados- á Virxe María do Amor ou o Cristo da Boa Morte. En fin, unha acción de goberno -repitámolo- que se define apenas, e nin máis nin menos, que como puramente democrática e axustada ao noso tempo.

E, vale: ben pode acontecer que, de primeiras, haxa uns cantos que se alporicen e esbardallen. Porén, este cronista está certo de que, ao cabo, mesmo a santísima patronal das Españas, con D. Antonio á frente, acabará por asumilo.