Nun deses días fríos de barruzo, que Rosalía decía "amar a todo amar", subimos aí atrás, por mirar os petroglifos, ao lugar de Agua da Laxe, na Serra do Galiñeiro.

A espada de dimensións superlativas conta, tal vez, a historia dun xigante. Algo coma estandartes aliñados suxiren unha parada ou unha procesión. O conxunto persuade do carácter militar das inscripcións, que, sen embargo, permanecen enigmáticas e gardarán para sempre o seu secreto.

O tesouro dos petroglifos (hoxe téndese a acentuar "petróglifos) que cobren a pel de Galicia foi descoberto por Ramón Sobrino Buhigas (1888-1946). Este señor foi un sabio que abrangue diferentes disciplinas. Orixinariamente naturalista, interesouse polas ciencias históricas e mesmo exerceu a odontoloxía. Os petroglifos estaban aí, o pobo aldeán coñecíaos até o ponto de identificar as súas figuras con nomes e cousas extraídas do cotián labrego. Os prehistoriadores ignoráronos até que Sobrino Buhigas os foi identificando e sistematizando para, posteriormente, amosalos en bloque memorábel no seu Corpus Petroglyforum Gallaeciae.

A partir de entón, a palabra "petroglifo" saiu da escuridade folkórica e xa non foron máis Outeiro de Cribo, nin Laxe das Lebres nin Pedra das Ferraduras. Sobrino Buhigas, logo o seu fillo Sobrino Lorenzo-Ruza, máis tarde Carlos García Martínez, e así unha lexión e varias esculas científicas aplicaronse ao análise e estudo dos petroglifos galegos. Todos son petroglifos, ou sexa inscripcións rupestres, pero a variedade de formas, de escolas, de técnicas empregadas, indican linguaxes varias que difícilmente serán descifradas algún día.

Hai outros petroglifos no mundo, pero pouco teñen que ver cos da Gallaecia. Andando o tempo, e en Campo Lameiro, montouse con moito xeito un centro de interpretación da arte rupestre, moi didáctico e instalado nunha das estacións de petroglifos máis importantes de Galicia. O nome de Gallaecia, sen embargo, ocúltase no Centro como se os arqueólogos actuais tivesen medo de escribilo e a ser considerados "nacionalistas". No asubío do vento nas pólas dos carballos e nas matogueiras do toxo de Campo Lameiro, se escoita cos ouvidos da memoria misteriosa, percibiránse os fonemas que compoñen o nome de Ramón Sobrino Buhigas, descobridor e patriarca científico da arte rupestre galega. Galicia débelle, pois, a Ramón Sobrino Buhigas, seguramente en compaña de Sobrino Lorenzo-Ruza, unha homenaxe nacional.