Nos pactos do Frente Popular, houbo un Azaña a quen se está a parecer moito Pablo Iglesias. As noticias, e anécdotas, que chegaron a min daquel encontro histórico de 1936, animadas desde a Komintern por Dimitrov cunha elocuencia que lle custou a vida, estanme a vir á memoria.

Dentro do Frente Popular en Galicia amistaron particularmente galeguistas e comunistas. O lider comunista de Ourense chegou a tomar a palabra en galego nunha reunión do seu partido celebrada en Andalucía. É verdade que a Internacional Comunista, en maio de 1931, conminou o PCE a apoiar o dereito á autodeterminación de Galicia, Euskadi e Cataluña. Sábese que Alexandro Bóveda e Benigno Álvarez intimaron na campaña ourensana de 1936, e ficaron derrotados, con trampas, por un Calvo Sotelo que aínda fixo máis estreita a amizade do galeguista co comunista.

Durante a guerra civil, Lois Soto (PCE) convertiuse en compañeiro de Castelao (PG) na xira americana de 1938. Enrique Líster Fillo, nun dos seus libros, escribe que o seu pai, o xeneral comunista natural de Teo, adoraba Castelao. Enrique Fillo chegou a maior crendo que Castelao, coma tantos outros que entraban no relato familiar do seu pai, era membro do Partido. Ou sexa, do PCE. Lois Soto, con outros camaradas, foi elemento constitutivo da UPG cando el se separou do PCE e se entregou ao independentismo galego de esquerdas. Líster non fixo o mesmo. Pero, como lider do PCOE, amistou con Galicia Ceibe republicana e autodeterminista. Hai fotos nas que Líster e Soto aparecen na cabeza da manifestación do 25 de xullo tras dunha anorme bandeira con estrela vermella en Compostela.

Cargou a policía da Transición contra Galicia Ceibe, con Líster e Soto. Non contra a manifestación da UPG, que andaba uns pasos adiante. Eu estaba alí e dou testemuña: as fotografías tamén non menten. A confluencia da esquerda real nos nosos días é necesaria. O PSOE é solicitado ao mesmo tempo pola CIA e pola esquerda que representaron electoralmente Podemos e EU. Cómprelle ao independentismo galego o mesmo tipo de alianza que suscribira Castelao en 1936: Frente Popular. E cómprelles ás esquerdas de dirección española darlle a man ao independentismo republicano de Galicia do mesmo xeito co que se abrazaron Soto con Castelao e Alexandre Bóveda con Benigno Álvarez. O resto, poñamos Villares, é Filgueira Valverde.