Co gallo das recentes eleccións xerais que vén de gañar de forma contundente o PSOE de D. Pedro I O Renacido, do que xa falei dende aquí hai un par de meses e despois de comprobar estupefactos algúns dos de sempre, que mesmo en Galiza, o ínclito señor conselleiro delegado dos eucaliptos de Ence, o Sr. Feijóo, resultou perdedor ante a forza das esquerdas e deste novo socialismo, algúns de nós publicaron nas redes sociais, comentarios deste xeito: Agolada cheira a facha que tira para atrás!

A realidade é que aquí, na nosa Agolada, as dereitas tiveron 977 votos e as esquerdas tan so 600, redondeando. E a pregunta é clara: Son extrapolables estes resultados ás vindeiras eleccións municipais? Volverá gañar a dereita que leva corenta anos sen facer nada, e afundiu o pobo?

A razón fálanos de que aquí, en Agolada, estamos á cabeza, e non precisamente do progreso, do benestar, da xustiza social, da liberdade, das melloras sociais, da igualdade, do desemprego, das oportunidades, do desenvolvemento, da imaxinación, etc., etc., etc. Aquí máis ben, nin ós novos, porque non quedan, nin ós vellos, que somos practicamente a inmensa maioría do censo electoral, mete medo o rancio que hai, malia a que é un dos concellos máis pobres de Galiza e boa parte vive de axudas públicas, subvencións e subsidios.

Curiosamente, noutras zonas das mesmas características do país, en Ourense e Lugo, moitos concellos que non difiren moito do noso, os resultados foron diferentes. A realidade fálanos de que a xente xa non é tan burricanciña como pensamos, está máis que informados do día a día e das cousas que lle interesan e continúa a ser máis que desconfiada de todo, as súas razón terá, sen dúbida que si.

Tal vez, haxa que buscar as razóns destes votos nun traballo concienciudo de anos e anos, a través do imperio dunha política clientelar de amiguismos, de premios e castigos na res publica, usada como se do patio do meu cortixo se tratara polo alcalde e acólitos, dun xeito absolutamente caciquil ao vello estilo da terra. Quizais a causa é esta ignorancia sobrevida, este medo cerval da nosa xente a perder o pouco que tén, ese conformismo natural e o regodeo na indecisión, nin subo nin baixo, senón todo o contrario. Quen sabe se estamos diante dun sacrosanto erro moi estendido e natural entre a nosa xente de máis vale o malo coñecido, o típico inmobilismo no que nos afundimos, pola ausencia de xuventude, única forza capaz de facer mudar a opinión dos vellos e ilusionalos ante un cambio, e todo iso aderezado e sazonado co típico condimento do poder, do pau e tente teso, o santa santórum da dereita rancia do noso país, do coidado que che dou en tanto pasan unha man polas costas do paisano.

Esa é a nosa realidade en Agolada, a xente non quere saber, non quere cambiar, non quere ver, e estes do PP, magos do coello na chisteira, sonche moi listos e saben o que dicir e facer para que nada cambie e eles sigan ben acomodados na poltrona do Concello servíndose de, que non servindo a, e que a festa continúe.