Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Museo Anfaco da Industria Conserveira

O pasado 21 de febreiro a Asociación Cultural Pertenza contou na súa quenda de palestras coa Dra. María do Carme García Negro, para falármonos na EMAO de: A pesca galega, motor do crecemento económico. No Sempre en Galiza (1944), Castelao xa era un visionario: "... Anticipaba piscifactorías, laboratorios costeiros i escolas de pesca... enormes criadeiros de mariscos... trasfego dun gran porto pesqueiro o mais importante de Europa... o peixe, para Castelao, é a prata do mar...". Para a profesora García Negro: "Vigo converteu a pesca na bandeira do crecemento económico e mesmo a actividade creadora de benestar... si a pesca significa o 4% do PIB... englobado no sector primario... o erro cometido ao pechar as negociacións de Moncloa coa CEE no 86 supuxo que as discusións do tamaño do sector pesqueiro á hora do cálculo das subvencións, a afectación coas mareas negras, a inclusión de mulleres no ISM exercendo funcións laborais sen sequera atopar definicións na Clasificación Nacional de Actividades (CNAE), etcétera. Teñen creado co paso do tempo unha ríxida armazón que afoga a propia vida e dinámica da pesca galega".

O secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Dr. D. Juan Vieites, presente na palestra a que facemos alusión, tivo a xentileza de invitar a Pertenza a coñecer esta asociación empresarial privada sen ánimo de lucro, que representa e defende os intereses sectoriais do "clúster" mariño e alimentario e presta servizos de alto valor engadido a través do seu Centro Tecnolóxico hoxe: Centro Tecnolóxico de ámbito Estatal e Comunitario, unha das asociacións europeas do complexo mar-industria con maior grado de representatividade diante da UE. Constituída en Vigo en 1904, como a Unión de Fabricantes de Conservas da Ría de Vigo, en 1918 pasa a denominarse a Unión de Fabricantes de Conservas de Galicia (Ufaco), actualmente Anfaco-Cecopesca (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos-Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca).

Anfaco creceu extraordinariamente en función da súa adaptación a un sector industrial e conserveiro a través das novas tecnoloxías e sempre atenta a formación e a investigación. En 2001 recibe o premio á mellor empresa alimentaria española de inversión tecnolóxica e innovación, e en 2009 intégranse Anfaco e Cecopesca, recibindo en 2011 o premio á mellor empresa española de promoción alimentaria e, dende 2016, inaugúrase o Centro de Tecnoloxías Avanzadas de Investigación para a Industria Marina e Alimentaria, actualmente Centro Tecnolóxico de ámbito estatal e comunitario.

Anfaco-Cecopesca edita desde 1934 a Revista Industria Conservera. No seu ultimo número (decembro, 2018) Vieites comenta na editorial: "Por certo un risco, o do retraso, que non temos superado de todo como o demostra a resistencia de certos grupos con capacidade de presión ante a dixitalización da economía, o avance tecnolóxico e a modernización da sociedade, fenómenos todos eles imparables"..

Vigo é o primeiro porto comercial de pescado para consumo humano a nivel europeo. A súa situación xeográfica é punto neurálxico para a pesca, o que supón que a industria da alimentación, liderada polo sector de produtos e os seus transformados, consolídase como un piar estratéxico e vital para Galicia, potencia europea na transformación dos produtos da pesca e a acuicultura e segunda produtora mundial de conservas por detrás de Tailandia.

Visitar os catro módulos do Museo Anfaco: unha industria pioneira; a era da sardiña; a tecnoloxía da conserva e a pinacoteca e sala de audiovisuais, acompañados de Mariña López Rodríguez, responsable do Museo desde 2009 e coordinadora da revista Industria Conservera e da palabra do Dr. Vieites, supón asistir a unha marabillosa lección maxistral, arredor do significado, o pasado e presente da historia da pesca, dos seus retos, cambiantes e competitivos nun sector como é o da alimentación e a conserva. Sempre escoitamos dos grandes mestres que o saber e o verdadeiro poder como elemento determinante do futuro dun pobo, dunha asociación ou dunha empresa. Anfaco-Cecopesca sabeo e o practica.

*Membro da A. C. Pertenza

Compartir el artículo

stats