Chámame moito a atención a proposta sobre a homenaxe a Darío Rivas feita polo portavoz do BNG de Vila de Cruces, Xan Blanco, dirixíndose por teléfono a portavoz do PsdeG, María del Carmen Silva, para comunicarlle o seu interese en rendirlle unha homenaxe a Darío Rivas (que seguro que o merece, eso e moito máis). Nese momento Maricarmen púxose en contacto conmigo explicándome o que lle manifestara Xan Blanco e que me puxera en contacto con él, e decíndome que xa enviara a nota de prensa. Digo eu: dase a casualidade de que eu, Xurxo Guzmán, son sobriño de Clotilde (a dona de Darío Rivas), a miña casa está ao lado da de Xan Blanco, igual eu son mal pensado, pero dame a sensación de que a intención deste señor é a de sacar réditos políticos a morte dunha persoa.

Paréceme vergonzosa a súa estratexia cando a catro días da súa morte se fai esta proposta por parte dun partido político sexa o BNG ou outro calquera, e asemade indignante quererse colgar medallas cando a familia esta a organizar un funeral, eso sí, en Castro de Rei, concello que o veu nacer.

Si amigo Xan, eu puxenme en contacto coa súa familia de Castro de Rei, nin sequera o lado máis oscuro do meu ser se lle ocurriría pensar en sacar rédito político a morte dunha persoa, sabe por que? Porque era o meu Tio, porque lle tiña e terei moito aprecio e cariño, porque cando despois de moito loitar conseguiu atopar os restos do seu Pai. Acompañeino a moitos organismos oficiais, e sei o que o fixeron sufrir todos esos políticos (de tódolos partidos) e dígolle algo máis, conseguiu a exhumación do seu pai gracias o seu empeño, non gracias a ningún partido político, aínda que teño que recoñecer que no medio de todos esos aproveitados houbo algunha xente decente e comprometida.

Pola miña parte só lle pido unha cousa, deixenos chorar a morte do noso tío, non sei se merece unha homenaxe no concello, cando temos cinco fusilados e dezaséis represariados (según o que levo recopilado) e ninguén se acorda deles, "espero que pronto se lles poida facer xusticia". Creo que este non é o momento para esa homenaxe e moito menos para que un partido político oportunista se queira apropiar da súa figura. É un bocado moi rico, pero non amigo Xan, así non.

*Concelleiro do PSOE en Vila de Cruces.