Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Javier Muguerza na memoria

En Madrid, en 1958, e na Facultade de Letras racionalista e republicana aínda as parellas podían mocear entre búnkers esborrallados. O único "complutense" que alí había era o rótulo da avenida central da Cidade Universitaria. Aranguren esvaraba mainamente cara unha oposición real ao franquismo, aínda que non tan dura e social coma a do P. Llanos. O Consello para a Libertade da Cultura, organización da CIA, controlaba moi ben a operación de converter a intelectualidade falangista ao movemento democrático anti comunista. Un día Araguren levou ao seu famoso Seminario Aberto a Gonzalo Torrente Ballester, que se resistía a deixar unha cadeira na Escola de Guerra Naval e un despacho no diario Arriba. Anos máis tarde, Fraga Iribarne desposuiría Torrente dos seus postos de relevancia no Réxime en castigo por o ferrolán ter suscrito unha carta pública contra a represión das folgas de Asturias. Pero aquel Torrente Ballester de 1958, que eu evoco nun coloquio organizado por Aranguren, aínda era intelectual orgánico franquista. Un xove Javier Muguerza, dirixente do PCE naquelas aulas de Filosofía e Letras, picou a Gonzalo cunha pequena insolencia sobre a censura. Sen citar a Nietzsche, Torrente contestoulle que a grandeza do escritorio se evidencia cando el di o que quer decer a pesar da censura. E engadiu algo así: "Si tú ejercieras la censura, yo haría todo lo posible por burlarte".

Non chegou a haber conflicto naquela inesquencíbel sesión do Seminario de Aranguren. Entre ASU, NIU e carrillistas repartíanse a concorrencia de alumnos antifranquistas, co cal a moderación estaba asegurada. Como moito podía temerse algún exabrupto procedente de sectores neo-jonsistas ou así. En realidade, algúns galegos de esquerda que cursabamos estudos naquela facultade de Letras da Universidade de Madrid, aínda non repintada como "Complutense", faciamos política extrauniversitaria e na rúa, mormente de carácter nacionalista; grupo Brais Pinto. Cada vez que pasabamos, vindo da Moncloa, onda o arco de triunfo franquista, que aínda alí o está, e liamos o final da lexenda, tendiamos e levar a man ao nariz: AEDES STUDIORUM MATRITENSIS FLORESCIT IN CONSPECTU DEI.

Ou sexa que a sede dos estudos madrileños florecía baixo a ollada compracida de Deus. Unha vez na Facultade, seguiamos as directrices que nos transmitía Javier Muguerza, incluso cando nos mandou votar polo poeta Benito de Lucas como delegado democrático no franquista Sindicato Español Universitario: o carrillismo era así, e nós sentiámonos en terra estranxeira. Véñenme estas memorias porque lin que Javier Muguerza é morto. Desde os días de dirixente estudiantil até onte, Muguerza foi un guía intelectual lúcido, firme e nobre.

Seguiu o seu camiño procurando os vieiros do pensamento máis acordes cos seus principios e normas xuvenís. Foi unha sorte de segundo Aranguren. Fixo moito ben. Séxalle leve a terra.

Compartir el artículo

stats