Cando Gonzalo Torrente Ballester publica a triloxía Los gozos y las sombras entre 1957 e 1962 xa teñen pasado dúas décadas da súa relación persoal co trasunto na ficción literaria de Pueblanueva del Conde a mediados dos anos trinta e polo tanto, madurado e reflexionado o suficiente para ver a luz a obra: "El señor llega", "Donde da la vuelta el aire" e "La pascua triste". A contraposición de dúas realidades existenciais de imposible convivencia.

Pero deixemos a "ficción" para a literatura e contrastemos co Bueu manifestado a través do testemuño escrito dos libros de actas municipais, uns dos actores da época. Ata oito alcaldes e outras tantas corporacións terá Bueu no período de 1930 a 1936. Comeza a década con Camilo Davila Davila e trala renuncia de todo o corpo capitular en febreiro de 1930, dará paso a Francisco Domínguez Cabanillas ata o seu remate en xaneiro de 1931, resultando elexido Perfecto García Nogueira quen ostentará o cargo ata o 14 de abril, día de proclamación da II República, (etimoloxicamente o goberno da "res" ou cousa, asuntos públicos romana) constituíndose a Comisión administrativa municipal ó abeiro do artigo 29 da Lei electoral (O señor chega) sendo nomeado Presidente da mesma Ramón Domínguez Ferradás ata o día 5 de xuño. Nesa data é deposto polo Goberno Civil, saíndo electo Luis Jesús Prieto García, novo alcalde ata o 14 de outubro de 1934 que pola perda de confianza do reformado Goberno é cesado a favor de Ramón Domínguez Ferradás ata as eleccións de marzo de 1936. O día 10 é proposto José Gómez de la Cueva, quen exercerá ata o Alzamento militar de xullo e non será ata o día 25 de setembro de 1936 cando volva a presidir outra Corporación o alcalde, Camilo Davila Davila, pechando así o círculo. (Onde da volta o aire).

Neste lustro o Concello debaterase entre pugnas e preitos, sendo os principais os seguintes. En 1932 ten lugar o fallo do contencioso co Estado, chegado ó Supremo polo proxecto de zona do litoral de servicio do Porto de Bueu, no que se perdeu toda competencia sobre a avenida de Eugenio Montero Ríos, vixente hoxe. Malogrouse a coñecida como Fundación Nogueira, legado de Francisco Nogueira Fraguas para a construcción dunha escola de artes e oficios para Bueu na finca Nespereira, actual parque Ramal dos Galos.

Procedeuse á incautación da lonxa do peixe que deu lugar a un preito tamén ata o Supremo co concesionario e financiador, Luis Bolíbar Massó quen gañará a reversión en catro anos de litixio. E en 1934 ten lugar o coñecido como Preito do Viño, polo que os veciños de tres parroquias do concello, nun feito sen precedentes, xuntáronse para botar abaixo a suba a dez pesetas hectólitro acordada na modificación da ordenanza fiscal reguladora de viños e alcoles, mediante sendos contenciosos que lles darán a razón.

Fallida tamén foi a tentativa de compra das Illas Ons polo Goberno para o establecemento dunha colonia de vagos e maleantes nela, no que o Concello tiña depositadas grandes aspiracións comerciais como porto base.

O gozo e/ou as sombras da xente de Bueu hai que velo a través dos seus veciños, do seu sentir, da súa propia intrahistoria e non só a través dos seus visitantes que viven en atmosferas paralelas e alleas ós bueueses. Lembro dous feitos verídicos significativos relatados por testemuña directa na primavera de 1936 (A pascua triste). O primeiro no marco do debate do proxecto de Lei de Pesca no Pósito de Pescadores de Bueu, onde no fragor do mesmo un mariñeiro dirixíndose á directiva gritou para poder intervir: "Pido la palabra por el artículo 29 de la Ley!". Ao que lle responderon dende a mesa: "¿Y qué dice el artículo 29? " El respondeu: " Aí está o carallo".

O segundo fai referencia a un mozo de 20 anos que tódolos días pasaba por Loureiro cara Bueu a onde ía traballar provisoriamente na fábrica de conservas por diante duns homes en idade de laborar sentados nun banco de pedra ó pé da vereda quen dirixíndose ó chaval un deles manifestou: "Falta pouco, heiche dir ó forno e a bodega do teu pai cheos de millo e viño canda o reparto". Ao que o mozo respostou: "Por que mellor non lle vai antes a axudar a cavar na viña e arrendar no millo?"

A obra torrentina plasmou sublimemente xa dende o título, o Bueu dos anos trinta, os gozos idealizados, pero tamén as sombras convulsas das que aprender nun mundo no que todo cambia para que todo siga igual.

*Veciño de Bueu e arquiveiro municipal