16 de abril de 2019
16.04.2019
Tribuna libre

A ferretería Novas

16.04.2019 | 01:56

Hai poucos días botou o peche definitivo a mítica ferretería Novas en Bueu, máis coñecida como a de "Chuco" Novas. E digo mítica porque sen dubida era un local dos que xa non quedan. Un local milimétrico onde había de todo; dende patente para os barcos ata carriños para a compra, fío para a desbrozadora ou felpudos para a casa. Non sei como daban colocado todo naquel espazo tan pequeno, semellaba algo case milagroso. Se querías un pegamento bo para unha cousa, ías a de Novas e alí sempre che aconsellaban algo que funcionaba moi ben.

Hoxe en día ímonos acostumando a coller o coche e ir a bricocentros quilométricos onde hai que coller un carriño para meter a compra, e esquecémonos do comercio local. Na de Novas non había que dar tantas voltas, máis ben volta ningunha, entrabas pola porta e xa estaba. Se non o tiñan, sabían onde o podías atopar.

Lembro unha vez que para unha viaxe andaba buscando un enchufe transformador de voltaxe (porque moitos países aínda teñen 125v de potencia) e fun a todos lados, que si o Carrefour, que si o Bricoking, e nada. Alguén me dixo, "vai mirar na de Chuco Novas home" e alí me fun. Cando entrei pola porta e pedín o enchufe a persoa que atende preguntoume " para Asia ou para América?, inda que tamén teño uns novos cun adaptador que valen para todos os países."

Nesta era dixital chea de compras por internet, whatsapps, tuits e ebays, este pequeno establecemento lémbranos un mundo onde quizais todo era máis fácil, as cousas funcionaban igual e a vida seguramente transcorría dun xeito máis humano.

*Veciño de Bueu

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook