Como sen dúbida coñecen ben os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais, velaí que, aproveitando a relación familiar que os une -ao cabo, non se pode disimular o que non se pode disimular: os tres veñen ser cuñados, cuñadísimos, entre eles-, D. Santiago (¡y cierra España!) Abascal Conde, D. Pablo Casado Blanco e mais D. Albert Rivera Díaz acudiron de visita onde a casa de D. Norberto Juan Ortiz Osborne. Digamos xa que se trata dunha morada humilde: nada que ver co palacete rococó dos Iglesias Turrión/Montero Gil nin, desde logo, con esoutra mansión, especie de "Falcon Crest" independente e independentista, na que habitan D. Gerard Piqué Bernabéu (sic!!, o de "Bernabéu") e Dna. Shakira Isabel Mebarak Ripoll (como, de certo, han de coñecer asemade Vdes., o RCDE Stadium, Corneprat para os amigos, ocupa apenas -coitadiños "periquitos"!- un pequeno recanto dentro dos límites da quinta, country club ou provincia enteira que rexentan os Piqué/Mebarak).

Así pois, e segundo explicaron urbi et orbi os diferentes medios de comunicación, o Sr. Abascal aportou ao evento uns pementos recheos de quinoa -de certo, e dada a procedencia andina do referido pseudoceral, lembranza de cando D. Santiago participou, en compañía de Francisco Pizarro e mais os "trece de la fama", na conquista do Imperio dos incas-; sempre na procura da radical radicalidade radical, D. Pablo Casado optou directamente, da súa parte, por un señorón chuletón. En fin, seica o Sr. Rivera andaba un tanto confuso, impreciso..., mesmo de veras perplexo diante do galano que lle procedía á senlleira xuntanza; de aí que, finalmente, optase por presentarse cunha auténtica empanada. "Evidentemente, unha empanada electoral!", non deixaron de apuntar determinados impíos, volterianos e revoltés ad hoc.

Con certeza, non só España, arquipélagos, 155, prazas de soberanía e Perejil adxuntos, senón o mundo mundial enteiro vive -vivimos- unha xeira preñada de mil e unha incertidumes. Concluidos e/ou en decidido declinio, seica, os grandes sistemas filosóficos, políticos e relixiosos, as boas xentes -recén arreboladas desde a brétema da mítica caverna platónica- andan arreo na procura da luz. Xa que logo, qué é aquilo que vai acontecer con isto e mais con esoutro?; qué comeremos e qué beberemos (é dicir, qué nos deixarán comer e beber, se é que resta algo que comer e beber, claro é)?; deviremos pensionistas, mediopensionistas ou vellos/as pobres de solemnidade?; teremos que apañarnos como os (evanxélicos) liros do campo e mais as aves do ceo?; cantos hat-trick lle restan aínda por atinxir a Lionel Messi?; hai vida máis aló de Belén Esteban, os Matamoros e mais o clan Pantoja?; emitirase algunha vez o capítulo final de "Cuéntame"?; permanecemos no 2019, erramos, en realidade, polas entrañas do 2199 ou resulta que a pílula vermella que Morfeo lle ofrecera a Neo xa está caducada? Asoma, por detrás de Desunidas Podemos, o inconfundible cheiro a napalm da Apocalypse now?

"Dentro de ti, hay una estrella./Si lo deseas, ¡brillará!". Hai xa cousa de vinte anos, disfrazado del mesmo, D. Bertín Osborne espallaba a mensaxe desde un célebre programa televisivo, e cómpre recoñecer que nin sequera o inmortal Paulo Coelho foi quen de acuñar unha misiva de maior alncace intelectual. Pementos recheos de quinoa, chuletón e mais empanada, anotaron os diversos medios. Porén, cal magos de Oriente e/ou, mellor, pastores cantareiros nas aforas de Belén de Xudea, D. Santiago Melchor, D. Pablo Gaspar e D. Albert... (Baltasar?; e quen quere ser Baltasar neste conto?) achegáronse ao portal portando, en realidade, o que a tradición bíblica nos ensina. Bertín é rei; en consecuencia, o Sr. Abascal ofreceulle ouro -non sabemos, iso si, se procedente do tesouro de Atahualpa ou desoutro de López Obrador. Bertín é deus ou case: de aí que o Sr. Rivera lle ofrecese incenso, olíbano... acaso tamén ácido lixérsico? Ao cabo "dereita covardica" -malia o ditame do gran Aznar-, o Sr. Casado non foi máis aló da mirra. Mirra? A ver, Bertín é humano; alguén que espalla mesmo moita, intensa..., excesiva humanidade: un puro e duro varón dandy!

Acadarán, pois, os tres afoutos e logo da épica visita, o milagre que as enquisas e mais a cociña do CIS lles parecen negar? Grandes son, desde logo, os poderes que emanan do santuario Osborne. Mais grandes resultan, asemade, esoutros que manexan os executivos liderados polo axente Smith (tamén coñecido entre nós como José Félix Tezanos) e malvados robots de escolta. Alén diso, tal semella que D. Pablo considere que habitamos de veras na metade dos anos 60 mentres D. Albert navega aínda pola Barcelona nebulosa dos 80. Canto ao D. Santiago... D. Santiago continúa a entrenarse, inasequible ao desalento, día si e día tamén, para a próxima batalla que ha de darse nas augas do mar Xónico, Lepanto dinlle os italianos ao lugar. Mágoa que tal combate xa o gañasen, aló por outubro de 1571 -é vox pópuli- as galeras de D. Juan de Austria!