A vila de Bueu conta cunha historia rica e diversa que debemos lembrar e celebrar como unha forma de estar agradecidos e agradecidas aos nosos antergos pola semente que prantaron para nós, a sociedade presente e que nos debemos preservar para as xeracións futuras.

Xa no ano 2013 nunhas xornadas organizadas pola Asociación para o debate Ricardo Gómez Buceta desgranamos a través dunha travesía das naves da nosa historia tres momentos da nosa historia máis antiga nos que fumos referencia: o mundo da pesca no antigo Bueu (notas históricas e arqueolóxicas), cunha charla de Fructuoso Díaz na que se incidía no Bueu romano; sobre o mosteiro de Santiago de Ermelo, a primeira memoria en pedra de Galiza con Miguel Romaní e Pablo S. Otero Piñeyro; e a industrialización de Bueu coa salga e a pesca da sardiña nos séculos XVIII e XIX e cos apuntamentos das salgas e fomentadores de Bueu con Xosé Manuel Cerviño e Arturo S. Cidrás.

Agora, nunha época na que se poñen en entredito os feitos acontecidos a raíz do alzamento fascista de xullo de 1936 é o momento de falar sobre a luz previa a esa escuridade a que nos levou o franquismo durante máis de corenta longos anos. Por iso é moi importante poñer de relevo a historia da nosa vila nos anos 30 durante a II República, traéndonos ao primeiro plano da actualidade como unha débeda que a sociedade bueuesa leva xa desde o comezo do período democrático atallando.

Ao meu entender a divulgación da traxectoria das mulleres e homes de grande relevancia cultural, social e política que baixo o paraugas do noso alcalde Johan Carballeira deron esplendor á nosa vila debe ser contada pero tamén gozada. Por iso son tan importantes as xornadas que se van levar a cabo neste mes de abril (funesto porque un día 17 asasinaron a Carballeira) para dar a coñecer por persoas expertas esas figuras tan devanceiras que nos visitaban e que crearon un ecosistema que poderiamos considerar único en todo o país: Gonzalo Torrente Ballester, Maruja Mallo, Federico Ribas, José Suárez, Carlos Velo, Romulo Gallegos, Castelao, Bóveda, Otero Pedrayo...

Pero para o pobo de Bueu, as súas xentes tamén é importante lembrar ademais a Carballeira, Ricardito, Escáneo, as mestras Teresa, Eugenia e Leopoldina e como non a unha persoa como José María Estévez, que comprometido coa causa galeguista nos anos 30 conseguiu sobrevivir ao azote do franquismo para ofrecernos trala súa xubilación o tesouro da publicación de Reconocer Bueu.

E gozada debe ser esta parte da nosa historia pese a quen lle pese, porque os anhelos por construír unha sociedade máis xusta e igualitaria é labor da xente que fai de Bueu un espazo para a historia, para a memoria e para a cultura. E se nese espazo hai cabida tamén para a diversión e para facer que as crianzas adquiran conciencia da felicidade que se truncou no funesto ano 1936 conseguiremos ser mellores persoas, aínda que noutros ámbitos intenten atacar a nosa sede de recoñecemento do Bueu republicano.

*Deputado provincial e concelleiro de Cultura de Bueu