Sabe vostede que os autobuses do transporte público no Morrazo (e doutros lugares, claro) carecen de timbres accesibles a todos os viaxeiros? Que hai que desabrochar o cinto e desprazarse polo corredor para chegar a eles?

Perdoe, pero creo que descoñece isto. Comprendo a súa ignorancia porque vostede viaxa no coche propio, un dos miles que invaden vilas e vilas, que forman ringleiras e ringleiras nas estradas e, así, contribúe a manchar o aire e anoxar aos adolescentes. Non se deprima, non é culpa súa. Obrígao a poboación espallada de Galicia que os políticos non acaban de arranxar.

Estou seguro que se nalgunha rara ocasión sube a un ómnibus, a gozada de viaxar con chofer; contemplar a paisaxe; ler durante o percorrido e non tolear co aparcamento quedará empanada pola falta do timbre de marras. Como a Xunta consente que os autocares carezan desta sinxela instalación?, preguntarase. Tamén é un misterio para min.

Os viaxeiros locais solucionan a falta dos botóns pola clave: "Para aí!", con voz enérxica, de mando; os tímidos, cun ton máis baixo, engaden un "por favor". Pero quen o pasa mal é o forasteiro que non leu o carteliño que tapa o televisor e remedia a falta de timbres e que di: "Soliciten la parada. Gracias".

Cando se achega ao seu destino, o probable madrileño levanta a cabeza e os ollos percorren o teito, como os reflectores dun canón antiaéreo das películas de guerra, en busca do botón vermello. Entón é cando interveño eu na súa axuda. Levanto o brazo co índice ríxido e premo nel desde o meu asento escollido. E quedo todo cheo polo acto, propio dun "viaxeiro sen fronteiras".

En fin, que coa mellora dos timbres para todos os usuarios desprazarémonos máis cómodos no trasporte público e tamén coidaremos do turismo. E cando vostede, por unha casualidade da vida, suba a un bus e aínda non se remediou isto, lembre de ir preparado coa frase da orde de paro. Ou sente debaixo do punto encarnado, coma min.

*Veciño de Bueu