En plena comarca do Ribeiro, aproximadamente a 1 km de Ribadavia, localízase a fermosa veiga de Valparaíso. Un mar de viñas que se estende ao carón da marxe dereita do Miño. Alí, no extremo oriental de Francelos, entre casas, vides e a trincheira de ferrocarril, agarda por nós a capela de San Xés de Francelos. Foi declarada monumento histórico-artístico no ano 1951, polo que na actualidade ten a categoría de Ben de Interese Cultural (BIC).

Aínda que é moi coñecida a través das publicacións, xa que se encontra entre as evidencias prerrománicas destacadas desta patrimonialmente fértil provincia de Ourense, queremos sobre todo referirlles as intervencións arqueolóxicas alí levadas a cabo. Por iso non vamos entrar na secuencia histórica do actual edificio na súa totalidade, se non na busca das datas máis lonxanas sobre as súas orixes, que seguramente e polos datos cos que agora contamos, coincidan cos elementos arquitectónicos decorados, que hoxe vemos recolocados na capela actual.

Esta, do século XVI, nada ten que ver co edificio orixinal, coa excepción deses interesantes elementos arquitectónicos decorados que destacan reaproveitados nos seus paramentos e, con toda probabilidade, formaron parte dunha instalación monacal anterior. Non en van os datos máis antigos sobre a existencia dun posible mosteiro na zona o remontan, polo menos, ás décadas finais do século X. Así o confirma un documento do ano 993, que refire explicitamente a existencia dunha comunidade monástica no lugar de "Francellos", se ben descoñecemos durante canto tempo estivo alí asentada e dende cando existía.

Pero debemos ter en conta que a primeira construción tivo unha orixe visigótica, aínda que con elementos que a pon en relación coa arquitectura asturiana, como razoablemente algúns investigadores pensan, polo que a súa existencia podería remontarse a datas máis antigas. Se a orixe fose visigótica non sería moi aventurado remontar a obra ao século VII, incluso algo máis, como a maioría das que se reparten pola Península Ibérica. Nesa centuria ou en datas próximas edificáronse as igrexas de Quintanilla de las Viñas (Burgos), San Juan de Baños (Palencia), San Frutuoso de Montélios (Braga) ou a ourensá de Santa Comba de Bande, entre outras.

Debemos tamén lembrar que a arquitectura Asturiana implántase nas terras montañosas da vella Gallaecia Asturicense -onde no ano 718 nacerá o reino de Asturias-, nas derradeiras décadas do século VIII e, principalmente, a partires do IX.

As escavacións realizadas nos inicios da década de 1980 foron publicadas polos arqueólogos Xulio Rodríguez González, actual director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, e Alfredo Seara Carballo, hoxe Xefe de Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Cultura e Turismo, escavación na que eu mesmo tiven ocasión de participar. Os traballos foron publicados no ano 1985 como anexo nº 4 do Boletín Auriense, revista do Museo Arqueolóxico Provincial e co título de San Xés de Francelos.

Á marxe dos datos arqueolóxicos do subsolo da ermida, que despois referiremos, os autores reafírmanse na adscrición dos elementos antigos conservados na capela actual ás arquitecturas visigótica e asturiana. Da primeira, coincidindo co estudio de Xaquín Lorenzo Fernández ( "Xocas") e Rubén García Álvarez publicado en 1950 na revista Cuadenos de Estudios Gallegos, identifican o arco que hoxe está na fachada principal como un arco vísigótico, moi semellante ao da igrexa burgalesa de Quintanilla de las Viñas. Posiblemente sería en orixe un arco triunfal, é dicir, o que separaba a nave da ábsida. Hoxe parece que foi reposto na capela actual, perdendo tanto a primitiva función espacial como construtiva.

As escavacións arqueolóxicas que precederon á restauración do conxunto arquitectónico fixéronse tanto con carácter de salvamento, é dicir, para evitar destrucións, como na tentativa de buscar restos das edificacións anteriores á que agora podemos ver.

Practicáronse catas no interior da capela e no seu exterior. Os resultados, desafortunadamente, non deron resposta ás expectativas de investigación planificadas, posto que non apareceu ningunha construción anterior que puidese estar en relación cos edificios monacais que refería a documentación do século X, que por motivos de cronoloxía, necesariamente deberían ser de etapas e estilos arquitectónicos prerrománicos.

Pero, pola contra, a intervención arqueolóxica si que permitiu exhumar unha necrópole medieval, ata o momento descoñecida, que os investigadores dataron entre os séculos VIII e IX. As sepulturas, todas coa orientación ritual oeste-leste (coa cabeceira mirando a poñente) formaban un cemiterio que supera a extensión da capela, posto que aparecían tanto no interior como no exterior da mesma.

Eran de varios tipos e, algunhas, de reducidas dimensións, pertencentes a nenos de curta idade. Unhas estaban formadas por dúas tellas: unha no fondo e outra que facía de tampa. As paredes estaban feitas con anacos tamén de tella, reforzando os laterais da fosa. Había sepulturas escavadas no sábrego con forma oval e o receptáculo para a cabeza individualizado. Son as coñecidas como antropomorfas ou "olerdolanas". Outras tiñan forma de simple "bañeira", é dicir, cunha forma alongada cos ángulos redondeados. Finalmente, as fosas forradas lateralmente con lousas de pedra, máis ou menos regulares.

A localización de sepulturas en todos os lugares escavados, tanto no interior como no exterior da actual capela, están a indicar un lugar funerario de relativa importancia nun espazo, quizais o mesmo ou acaso distinto, pero non afastado, onde antes houbo unha comunidade monástica, que seguramente contou con edificacións propias das súas actividades, tanto de habitación -acaso tamén terras para o sustento- como de culto.

Dalgunha destas edificacións deben proceder os restos reaproveitados na capela actual, esta cunha factura de carácter popular, sen grandes pretensións arquitectónicas, pero nos que se conservan estes elementos prerrománicos de indubidable interese para o noso pasado.

Cales son os elementos do/s edificio/s prerrománico/s desaparecido/s? Entre outros, citarmos os facilmente observables, que vostedes mesmos poden ver no exterior da capela. Os máis relevantes localízanse na fachada principal, chamando a primeira vista a atención do observador. Son o arco de ferradura sobre a porta de entrada, as pezas que conteñen os capiteis e os relevos, as xambas que sosteñen o conxunto e a fiestra coa fermosa celosía. A parede sur inclúe outra estreita fiestra, a xeito de "aspillera" rematada nun lintel que debuxa un arco con decoración sogueada. Na que mira ao nacente aparece, a modo de sillar, un modillón tamén con decoración sogueada. Outro elemento con decoración semellante sustenta a cuberta no testeiro, decoración que insistentemente se repite nunha pilastra embutida na parede norte, elemento que aquí aparece colocado en sentido horizontal.

Existen outras pezas semellantes no interior e repartidas por distintas construcións de Francelos, que vostedes mesmos poden ver no debuxo que inclúe o traballo de Xocas e R. García Álvarez ou no tamén citado de Xulio Rodríguez e Alfredo Seara.

En todo caso, e malia as dúbidas sobre a procedencia destes interesantes elementos prerrománicos que agora se nos mostran nesta capela do século XVI, que en si ten pouco interese artístico, nada impide desfrutalas, aínda que non estean no seu sitio orixinal.

Xa falamos antes do arco sobre a porta de acceso, con características visigóticas, aínda alterado tanto na súa estrutura como na súa función, ocupando agora a fachada cando inicialmente podería separar a nave da ábsida na súa edificación orixinal, que non é a de agora.

Este apóiase en dou capiteis entregos, non portantes, que forman parte do mesmo perpiaño da parede. Na continuación das mesmas pezas aparecen uns baixorrelevos que representan a unha figura humana (divina?) con aureola cabalgando nun asno. Na peza esquerda sáenlle ao paso dúas figuras con túnicas e, na da dereita da porta, unha soa figura. As interpretacións deste motivos decorados son variadas segundo os autores: a entrada de Xesús en Xerusalén, a fuxida a Exipto ou a escena de Balaan, o asno e o anxo.

Outra peza a destacar é a fiestra con celosía, unha fermosa composición na que dúas rosáceas culminadas en tres pequenas representación de arcos de ferradura, todos estes elementos calados, aparecen flanqueados por un motivo sogueado, un tallo do que penden acios de uvas e catro aves que picotean a froita. Dúas palmas flanquean aos paxaros.

Non queremos describir máis os elementos decorados que alí poderán ver, porque é mellor que vostedes mesmos visiten o lugar e descubran este lugar tan próximo a Ribadavia, especialmente agora que entramos na primavera e que, pese ás numerosas publicacións, aínda é descoñecido por moitos ourensáns. Nos esquezan que, ademais, visitando a capela, tamén estarán a camiñar sobre un cemiterio que se remonta ao século VIII e que, sen ser este agora visitable, gracias aos traballos dos arqueólogos, relata como esta zona foi habitada polo menos dende aquelas data ata hoxe de forma practicamente ininterrompida constituíndo un centro poboacional, funerario e de culto dende a Alta Idade Media.

Que desfruten da visita!

(*) Arqueólogo municipal de Ourense.