Está claro que, máis tarde ou máis cedo, a cousa tiña que acontecer -e, asemade, tamén máis cedo que tarde, España e ex-colonias adxuntas outra volta a abraiaren o mundo mundial!- Tanto e tanto acudiren ao Parlamento europeo para explicarlles aos herexes reunidos que, de non ser pola batalla das Navas de Tolosa, esoutra de Lepanto e mais Carlos V -e primeiro de España!-, ten de devir Vox populi que todas as guiris lavercas andarían ataviadas con burka París arriba, Amsterdam, Roma e Berlín abaixo. Tanto e tanto incluír nas listas electorais toureiros, picadores, monosabios, lexionarios de Melillla, regulares de Ceuta, xenerais mediopensionistas e serenos nostálxicos de señoritos esmorgantes e noctámbulos. Tanto e tanto marear cos subtítulos da excelente "Roma de Alfonso Cuarón. Tanto e tanto, en fin, remexer, fochicar, fozar... na historia patria tiña que provocar, ao cabo e en xusta correspondencia e castigo por parte da Mama Pancha e dos hierofantes ad hoc da memoria do gran Cuauhtémoc, unha erupción volcánica desde terrras de Ultramar. Velaí, daquela e, como sen dúbida coñecen ben os -sempre moi amables- lectores destas crónicas semanais que a S.E., o señor Presidente dos Estados Unidos Mexicanos, licenciado Andrés Manuel López Obrador (dos López e dos Obrador "de toda la vida"; por certo, e xa que estamos co asunto, tamén sabe falar el mexica, como as dúas criadas co-protagonistas de "Roma"?) vén de espetarlle ao rei das Españas que constitúe o seu deber inescusable pedir -mellor mañá que pasado- perdón e máis perdón por todas as falcatruadas cometidas por Hernán Cortés, Andrés de Tapia, Diego de Ordax e, desde logo e sobre todo, por Norberto Juan, "Bertín", Ortiz Osborne -coido que cabe pedir, iso si, clemencia para a inxel Rocío Dúrcal- contra os, seica, devanceiros certos de María Félix, Chavela Vargas, Mario Moreno "Cantinflas" e mais o grupo Maná.

Como non podía ser menos, non demoraron en estoupar as reaccións desde este lado da mar océana. Sempre disposto para un asedio, unha encamisada ou un bombardeo, o capitán Alatriste Casado -"¡a por ellos, oé!/a por ellos, oé!"- xa amosou a súa impaciencia por artellar unha inmediata expedición que, tras desembarcar en Veracruz, se dirixa logo cara a Tabasco e Cholula. Con axuda, ou non, dos tlaxcaltecas, dos mossos d'esquadra e demais fillos de Malinche, o noso heroe pretende entrar en Tenochtitlan, preferentemente polas bravas, e instruír como lle cómpre no artigo 155 do Catecismo ao autoproclamado descendente de Moctezuma Xocoyotzin que agora mesmo senta no trono dos mexicas.

Da súa parte, que non falte nunca un roto para un descosido, os boys&girls de Iglesias/Montero decidíronse, mentres, por aquilo mesmo que lle afectaba a un vello coñecido meu. Tal é que, cada vez que acudía ao cine para ver unha peli do Oeste, o ghicho abandonaba, si ou si, a sala cando ían gañando os sioux/apaches/cheyennes. Con melena e unha cinta no pelo, fórono alcumar como "Cherokee", por máis que el retrucase decote: "Por favor; mellor chamádeme Gerónimo".

Ben sei. Ben sei que un cabaleiro español, dos de verdade -"¡a mí no me aguanta Ud. la mirada!"- sempre ha de militar nas filas do "sostenella y no enmendalla" e que onde non chegue a súa man, ha de chegar a punta da súa espada. Ben sei; ben sei así mesmo que os puritos machos de Jalisco -e como lembra arreo a canción- non poden "rajarse" nunca (aínda que, xa postos a reclamaren por cousas do pasado, que fan que non lle piden a Mr. Donald Trump e gringos adxuntos que lles devolvan de contado Texas, Arizona, Nevada, California...?). Non obstante, segundo moi ben nos aconsella o "Nosopai", parece sensato que, antes de solicitarmos o apoio do Deus das batallas e acudir na procura de balestras, arcabuces e demais metralla, observemos sequera un momento de reflexión: "... e perdóanos as nosas ofensas/como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendidos."

Iso si: en lexítima compensación pola imaxe dun Filipe VI desculpándose polo resultado da que se liou en Otumba, non estaría de máis que os (hipotéticos) netos dos aztecas se fosen escusar, á súa vez, pola interminable "Pasión de Gavilanes", polos disparates arreo de Paulina Rubio e, desde logo, por aqueles moi terribles trinos de Pedrito Fernández e mais a súa inaturable mocita. E fagan, fagan memoria Vdes: trátase daquela mesma, "la de la mochila azul/la de ojitos dormilones". Que verán que nos deu, a condenada!

Dito/escrito o cal, e tendo ben presente que México é a patria de Juan Rulfo, de Diego Rivera, de Octavio Paz... aquí haxa paz e logo gloria. E, claro é, que viva Zapata!