Somos de Ons e seguiremos sendo pese a quen lle pese.

É difícil vivir, ter sangue e corazón e non facer política. A vida é política, queiramos ou non. Iso aprendino co paso dos anos. O que non fun capaz de aprender foi a capacidade para sentir, sentir rabia, dor e impotencia ante as inxustizas, ante a manipulación, ante o engano e ante a burla.

Meu bisavó "Cambados" díxome moitas veces: "Rapaza non abandones nunca a "nosa casa", a Illa vai chegar un día que vai a valer moito. Non sabia o meu bisavó o que me estaba pedindo.

Medrei alí, miñas fillas tamén, e a día de hoxe podo sentirme orgullosa de que sintan a mesma paixón e a mesma rabia ca min en canto nos queren quitar o que é noso, porque é noso.

Estes señores da Xunta de Galicia, por onde pasan arrasan.

Sempre conseguen saírse coa deles, obrigáronnos a firmar unhas concesións, arrebatando todos os nosos dereitos e pasando por riba do traballo e esforzo dos nosos antepasados sen importarlles unha merda.

Todo isto, grazas a que moitas veces as persoas que están a fronte dun colectivo, xa sexa veciñal ou político non buscan arranxar problemas, senón sacar un beneficio.

É vergonzoso que unha institución como a Consellería de Medio Ambiente pase por alto as esixencias dun Concello que pide aclaracións para todos os seus veciños, pero despois teña a pouca vergonza de vir a o no concello a reunirse única e exclusivamente con tan so 10 membros desa asociación.

Sabía que había cidadáns de primeira e de segunda, pero é que algúns non chegamos nin a terceira.

A día de hoxe os veciños de Ons seguimos a perder dereitos, e so temos obrigas. A maior parte da xente non o entende, e eu podo respectalos, pero pido que me respecten a min cando me ferve o sangue con este tema, non se trata de ter unha casa na Illa, é moito máis.

Como dixo alguén que sabe, eu non; "se non tes presente o teu pasado non terás futuro".

Eu téñoo señores e vou seguir pelexando. E non falo como Concelleira, falo como isleña, porque os políticos tamén temos familia, temos pasado e queremos ter futuro.

*Veciña de Ons e concelleira de Bueu