Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

O republicanismo ourensán na encrucillada dos anos trinta (e V)

A situación provocou a nivel local numerosos conflictos, pois si no plano legal non ofrecía dúbidas a subordinación das milicias ós mandos militares na práctica a realidade era moito máis complexa. Os enfrontamentos víanse favorecidos por ese equilibrio numérico entre carabineiros e milicianos -que nalgúns postos acabou por inclinarse en favor destes últimos- e pola falla de efectivos en puntos especialmente complicados. Velaí os enfrontamentos entre os xefes locais de milicias na zona fronteiriza de Lobios cos responsables dos postos de Carabineiros polo control dos importantes beneficios que xeraba o abundante contrabando na zona que remataron na incoación de dilixencias pola xurisdicción de guerra.

Os milicianos de Lobios conseguiran introducirse no servicio de vixilancia da zona fronteiriza correspondente ó seu concello de veciñanza aproveitando a relación de amizade do xefe local de Falanxe, o comerciante Tomás Paz Estévez, co cabo Fernando García Martín, que exercía a un tempo o cargo de alcalde e delegado militar. Como consecuencia, a permeabilidade da fronteira acabou por facerse algo máis que manifesta naquelas zonas da raia encomendadas a estes milicianos, que se aproveitaban directa ou indirectamente do tráfico clandestino de productos coa complicidade dos carabineiros, "que no cubrían los servicios" favorecendo o paso ilegal "por un puesto de la demarcación de Lovios (sic) y precisamente por un camino habilitado a efectos de Aduanas donde no había ningún Carabinero de servicio, a pesar de que eran las once de la mañana". Pola contra, os seus veciños de Entrimo quedaban excluídos do reparto do botín, provocando frecuentes enfrontamentos cos contrabandistas ós que disparaban "sin que acudiesen tampoco ni Carabineros ni milicianos del puesto de Lobios (...)".

Non se trata, nin moito menos, de casos illados. No posto de Lobeira a asignación de milicianos cubriuse inicialmente con forasteiros, facendo extensible a estes a prohibición que pesaba para os carabineiros de prestar servicio nos pobos da súa natureza e naqueles outros onde tivesen familiares dedicados a algunha industria ou negocio. A oposición do cabo ó mando a que fosen admitidos veciños deste concello provocou a intervención de certo notable local con gran predicamento entre os mandos provinciais de Falanxe e o círculo que rodeaba a Soto, "habituado a llevar, traer y quitar Carabineros a su antojo (...), pretestando (sic) de que si los Carabineros estaban tildados de izquierdismo y por no avenirse a sus caprichos haciendo dejación de sus deberes". Utilizando os seus contactos na capital, forzou a remoción de todos os efectivos no mes de agosto de 1937 argallando unha denuncia, ó parecer falsa, sobre a súa implicación no tráfico clandestino de persoas e mercadorías polas serras das Moas e do Laboreiro.

A partires de novembro comezou un goteo que conduciu ó reforzamento destes milicianos con outros seis procedentes de Lobeira "quienes sin más condiciones ni solicitudes que exponer sus deseos a persona influente (sic), se les entregó un fusil y se dió (sic) la orden para que prestasen servicio en el referido puesto (...) [cuando] alguno de ellos se había dedicado al tráfico del contrabando anteriormente". A victoria era dobre: non só se conseguira distanciar ós carabineiros máis reticentes a entrar na dinámica de intereses locais senón que se conseguía rachar o equilibrio inicial ó que aludimos en favor dos falanxistas. Esto era máis que o que Díaz Guevara e os seus mandos podían aturar: se na batalla anterior o primeiro se vira obrigado a aceptar os feitos consumados, agora respondeu cunha protesta oficial formulada polo responsable do posto que puña en cuestión a idoneidade dos novos compañeiros de viaxe. A oportunidade para o desquite non tardou en presentarse: por dúas ocasións consecutivas uns desertores perfectamente localizados conseguiron eludir o cerco da forza, e aínda que non se puido probar a conivencia dos milicianos con estes, o feito de que fosen da súa mesma veciñanza proporcionoulle ós mandos do posto o pretexto necesario para solicitar do capitán da Compañía o cese dos seis falanxistas-tradicionalistas en xuño de 1938.

Sen embargo, os poderes locais aínda conservaban un certo marxe de manobra. Como a decisión do cese estaba avalada por unha instancia de carácter supramunicipal, non quedaba máis remedio que trasladar novamente o campo de batalla ás instancias provinciais, onde se ben a desconfianza cara os Carabineiros seguía latente en amplos sectores militares non era moito maior o predicamento do que gozaban as milicias como se tivera ocasión de comprobar coa xa comentada decisión do tribunal militar presidido por Soto respecto a J. Filgueira. Pero agora o equilibrio de forzas era meirande: o temido gobernador militar xa se atopaba confinado en Jerez de la Frontera despois do seu fulminante cese por orde directa do Caudillo, e Fernández España estaba disposto a aceptar o envite que daquela se vira obrigado a rexeitar. Este último manobrou saltándose as canles regulamentarias e ordenou ó xefe da Bandeira de Falanxe de Bande a instrucción dunha información sobre a actuación dos milicianos. Como era de agardar, os notables locais non tiveron dificultade algunha en conseguir unha morea de declaracións favorables ós milicianos de numerosas persoas de orde, incluído o xefe do posto da Garda Civil, ó tempo que relacionaban o seu cese co escaso interese dos Carabineiros en reprimir o tráfico ilegal de productos e o paso clandestino de persoas dun ó outro lado da raia, argumentando, ademais a súa negativa a verificar o servicio de captura de desertores "alegando que incumbía a la Guardia Civil".

A información foi remitida directamente á xefatura de milicias da VIII Rexión Militar en A Coruña coa intención de que o coronel-xefe avalase a petición de Fernández España de que se nomease un xuíz "a fin de que, por el prestigio de ambas fuerzas, se llegue al esclarecimiento de los hechos y se deduzcan las debidas responsabilidades". Habilmente concluía afirmando que se se apreciaba unha causa de incompatibilidade por razón de veciñanza, esta debía facerse extensiva a todos os milicianos de servicio nos seus respectivos concellos, e non atender a motivos "de carácter puramente personal". Díaz Guevara protestou pola manobra de Fernández España por converter a un paisano, o xefe da Bandeira de Bande, "nada menos que en instructor de unas diligencias más o menos procesales" que, pola relación de subordinación no servicio e de inspección sobre o mesmo, chegaban a el mesmo na súa condición de xefe da Comandancia. A decisión do auditor de guerra concluía sen apreciar responsabilidade algunha dos milicianos, desautorizando implicitamente a medida de cese acordada. Díaz Guevara tivo que recoñecer resignadamente a fortaleza dos intereses locais á hora de condicionar a prestación dos servicios encomendados ós milicianos, que "son casi todos de pueblos fronterizos en los que se profesa gran inclinación al contrabando y tráfico de frontera, y ya sea por parentesco, amistad o vecindad, se hallan influenciados por ellos lo que les inhabilita para poder desempeñar como deben las funciones que les fueron conferidas, con perjuicio del servicio y, por lo tanto, de los intereses del erario". As máis das veces esta fortaleza e a propia conivencia dos gardas convertía en ineficaces a sucesivas instruccións emanadas da Delegación de Orde Pública e Inspección de Fronteiras no senso de que os capitáns das diferentes compañías procedesen á recollida do armamento e ó relevo daqueles milicianos que coa súa conducta prexudicaran a imaxe e a eficacia dun corpo ó que non se perdoaba, tampouco en Ourense, o seu compromiso coa República.

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats