Arturo -monarca lendario dos británicos-, por mediación do mago Merlín, recibiu dunha poderosa bruxa, a Dama do Lago, unha espada chamada Escálibur, á que se lle atribuíron propiedades extraordinarias. Por exemplo, a súa funda impedía que o rei perdese sangue no campo de batalla, facéndoo practicamente invencible.

Despois de que o brexit firmado por Theresa May coa Unión Europea sufrise dous fracasos en Westminster, o cumio da UE, reunido o 21 de marzo, deulle un ultimato. Se o día 12 de abril, data límite para pedir concorrer ás eleccións europeas, non está aprobado, producirase o divorcio inmediato. Pola contra, se se aproba o texto, o prazo alóngase ata o 22 de maio, véspera dos comicios, a fin de non interferir nestes. No caso de que o Reino Unido participe, o prazo ampliarase sine die ata que o panorama político británico se despexe, ben con novas eleccións ou celebrando un novo referendo.

O 23 de marzo, convocados por People's Vote, un millón de manifestantes en Londres reclamaron outro referendo. Cada día que pasa aumenta a presión para que a premier dimita, e para que se cancele o brexit. Case cinco millóns de firmas se recibiron na web do Parlamento para que se debata. Sexa cal sexa o resultado, o destino político de May parece estar decidido. Con todo en contra, a punto de finalizar a súa carreira política intentará salvar in extremis o seu acordo coa Unión Europea nunha terceira votación, pero necesitará a espada Escálibur para non falecer en combate. Falta por saber se a Dama do Lago, de quen se di que a recuperou á morte do rei Arturo, está en disposición de concederlle semellante privilexio.

*Veciño da Estrada