Opinión | HISTORIA
Xulio Prada Rodríguez*
O republicanismo ourensán na encrucillada dos anos trinta (IV)
Unha vez que dimos conta detallada dos feitos en que se viron envoltos F. Ayala e os carabineiros destes postos, convén agora sintetizar os fundamentos do auto de procesamento decretado o 4 de xaneiro de 1937 na cidade de O Ferrol. Respecto a Ayala, o devandito auto cualificábao de "amigo y asiduo visitante del [gobernador civil] (...) al igual que lo fué (sic) del que le precedió en su desempeño durante el mando del llamado Frente Popular", salientando a viaxe que fixo na noite do dezaoito ó dezanove de xullo ós diferentes postos da provincia, a súa intervención diante dos principais implicados no golpe por orde de Martín March o día vinte nos termos relatados ó estudiar a toma do poder polos sublevados e a súa actuación "una vez la ley marcial fue proclamada, al lado de las Autoridades por virtud de tal proclamación convertidas en únicas legítimas (...) habiendo dicho Señor Comandante durante todo el trayecto recorrido por la columna hasta Gudiña de donde tal Jefe no pasó, arengando a los Carabineros para que depusieran su actitud y colaborasen al movimiento nacional".
Con relación ós carabineiros do posto de A Gudiña, destácanse as súas "ideas marcadamente extremistas", a celebración que fixeron nun café da localidade do triunfo das esquerdas en febreiro de 1936 e do asasinato de Calvo Sotelo -o que, como vemos, implicaba entrar en valoracións anteriores á proclamación do estado de guerra malia as instruccións existentes ó respecto- e a colaboración nas requisas e na entrega de armas ós obreiros. Sobre os do posto de A Mezquita -en particular sobre o preferente B. Guerra Fuentes, declarado rebelde e exiliado en América-, ademais do consabido "extremismo" que lles fixo "con anterioridad al movimiento nacional acompañarse y relacionarse con elementos de tal significación" e de facer causa común cos obreiros, pesaba a acusación de acompañar ós de A Gudiña cando xa tiñan confirmación da declaración do estado de guerra e do avance da columna de Ros a Vilavella. Idénticas consideracións facíanse sobre os de Cádavos, agás no relativo a este último extremo xa que, como dixemos, estes viaxaban cos paisanos armados na camioneta que detivo Piñel. Respecto ós dos postos de Tameirón e Castromil reproducíanse os mesmos considerandos en canto a antecedentes e actuación, co engadido de que en lugar de se sumar á columna de Ros fuxiron ó monte negándose a regresar ata pasados máis de dous meses, malia os avisos que neste sentido se lles deron. Finalmente, o instructor non atopaba indicios delictuosos no comportamento dos carabineiros de Barxa, salientando pola contra, como se incorporaron ás columnas nacionais axiña tiveron noticia da súa presencia na zona, sen facer referencia algunha ós do posto de A Esculqueira, que en ningún momento aparecen mencionados na causa por parte do instructor.
Sen entrar en detalles dos numerosísimos informes que figuran na causa, si interesa salientar como estes se van agravando a medida que pasan os meses. En efecto, nos primeiros partes e informes sublíñase, sobre todo, a entusiasta cooperación prestada polos carabineiros ás forzas do Exército unha vez que toman contacto con estas. Recoñécese, como non podía ser doutro xeito, a equívoca actitude que mantiveron, pero existe a tendencia nalgúns mandos -velaí o xa referido parte de J. Ros do día vinte e catro- en "desculpar" esta aludindo ó descoñecemento da situación e do significado do movemento ou á irresistible presión das masas que os deixaba sen máis opción que a de secundalos.
Cando o golpe se converte en guerra civil e avanza a instrucción da causa os informes comezan a facer referencia á súa actuación extremista anterior á sublevación e ás relacións que mantiñan con coñecidos dirixentes frontepopulistas, en especial co tenente coronel de Carabineiros retirado Fructuoso Manrique, a quen se lle atribuía unha notable influencia entre os membros do Instituto nestas terras, entre outras cousas polas xestións que realizara para mantelos alí destinados malia ser algúns deles naturais de aldeas próximas; ademais, o que era entusiasta, rápida e espontánea adhesión unha vez sacados do erro en que se atopaban, se transforma en negativa a adherirse "al movimiento nacional (...) hasta tanto no llegaron las fuerzas que componían una columna, los que al ver que serían fusilados sino se entregaban, lo hicieron sin oponer resistencia". De feito é moi significativo que no mes de setembro o auditor de guerra recomendase e o xeneral responsable da VIII División aprobase o sobresemento provisorio das actuacións que se seguían contra F. Ayala por estimar que, malia a súa ideoloxía, se sumara ás forzas nacionais coas que cooperara de xeito activo.
As cousas mudarían substancialmente nos meses seguintes como revela a dureza das sancións: foron impostas oito penas de morte ós carabineiros Juan Meilán Castro, Isidro Sánchez Garrido, Casiano Martínez Barja, Jesús Asenjo García -é dicir, todos os do posto de Cádavos agás, Victoriano Alonso-, Esteban Gómez Santos, José Galán Jiménez -ambos os dous de A Gudiña-, Tomás Mayo Polo -A Mezquita- e, por suposto, Federico Ayala Victoria. A execución dos mesmos tivo lugar en O Ferrol o día dezasete de abril de 1937. Ademais, o cabo de Tameirón, Ángel Redondo Rivero, foi condenado a reclusión perpetua e impuxéronse numerosas penas de cárcere.
O Exército foi durante todo o período bélico o apoio máis sólido e monolítico co que puido contar o réxime. Ourense non foi neste punto unha excepción e, deixando de lado a destitución da máxima autoridade da provincia por ordenar o asasinato dun lexionario, non transcendeu publicamente ningunha discrepancia. Nin sequera cando en xullo de 1939 Franco dispuxo por decreto a incorporación das Forzas Armadas a FET y de las JONS, o que a bo seguro non debeu de ser recibido con plena simpatía polos militares de tradición monárquica residentes na provincia. A excepción foi o corpo de Carabineiros, profusamente depurado, executados os seus membros que máis se distinguiran polo seu compromiso republicano e sometidos a estreita vixilancia os que conseguiron evitar a cadea.
Ademais, unha vez consolidada a sublevación, as autoridades militares da provincia tentaron debilitar a súa estructura e introducir elementos de control e vixilancia adicional sobre os números que continuaron a desempeñar os seus servicios nos diferentes postos fronteirizos. A estratexia consistiu en ordenar que milicianos falanxistas e requetés prestasen servicio a carón deles co pretexto da necesidade de incrementar o coidado da fronteira, o que ía en contra das atribucións que a este corpo reservaban en exclusiva os diferentes regulamentos vixentes. O encargado de organizar o servicio foi o capitán de Infantería José Rodríguez Reigada, obedecendo ordes directas de Soto, quen o nomeou Inspector de Fronteiras con atribucións sobre toda a provincia; o gobernador militar nin sequera consultou ó tenente coronel xefe da Comandancia de Carabineiros de Zamora-Ourense, que só foi informado tempo despois sen que fixese valer obxección algunha. O mencionado capitán realizou unha distribución nos diferentes postos da provincia que, cando menos nos casos dos que temos datos sobre o particular, concentrados na zona fronteiriza de Bande, fixaba un equilibrio case perfecto entre milicianos e carabineiros: no caso de Lobeira, por exemplo, destináronse seis milicianos e cinco carabineiros ó mando dun brigada. Na maioría dos casos procurouse que os milicianos non fosen naturais da zona sometida á súa vixilancia, trasladando efectivos doutros lugares máis afastados para evitar o perigo dos intereses creados en zonas tradicionalmente dedicadas ó contrabando. Non obstante, todo semella indicar que esta precaución estivo tamén moi condicionada polas dispoñibilidades de homes dispostos a trasladarse dos seus lugares de residencia a cambio dun xornal diario que nas súas aldeas tamén podían procurar mediante a prestación doutros servicios.
Ramón Díaz Guevara, nomeado máis tarde comandante en xefe de Carabineiros na provincia, describe moi ben a situación en que atopou a estas forzas ó facerse cargo do seu mando cando afirma que "las encontró abatidas por los acontecimientos ocurridos en los primeros momentos del Glorioso Movimiento Nacional (...) Que todos sus esfuerzos los dedicó a levantar el ánimo decaído de las mismas, primero con órdenes y después con conferencias en los puestos que sucesivamente iba visitando". As súas primeiras medidas tentaron evitar que as diferentes autoridades, non só os mandos militares propiamente ditos, senón tamén outros corpos agora militarizados, puidesen intervir en cuestións de servicio tradicionalmente reservadas ós responsables do corpo que a peculiar conxuntura bélica fixera campo de intereses cruzados. Velaí os casos en que os Carabineiros tiveron que soportar a intromisión de axentes de Investigación e Vixilancia malia o taxativo que resultaba o art. 61,3º do Regulamento de Contrabando e defraudación relativo ós casos e a forma na que as diferentes autoridades civís e militares debían perseguir e coadxuvar ó descubrimento do tráfico ilícito de mercadorías e da defraudación, e, sobre todo, a R.O. de 30 de setembro de 1922 que preceptuaba que eran as forzas de Carabineiros as chamadas en primeiro lugar a perseguir e a aprehender os xéneros de ilícito comercio, debendo absterse as restantes en efectuar tales servicios alí onde estas estaban presentes.
Moito máis grave foi a intromisión dos responsables provinciais e locais de Falanxe e mesmo dos poderes locais dos concellos fronteirizos. Como a fixación xenérica dos servicios encomendados ós milicianos correspondía, en última instancia, ó Inspector-xefe provincial, que adoitaba delegar nas diferentes xefaturas locais, tentou en primeira instancia situar ós milicianos que prestaban servicio de fronteira baixo o seu control directo por medio dos diferentes comandantes de posto. Os intereses creados impediron que a proposta tomase "estado legal" diante da inhibición de Soto, que "previa consulta con el Secretario resultó que no tenían antecedentes, porque todo se había hecho verbalmente". Cando o tenente coronel da Garda Civil Enrique Cotter Chacel foi nomeado Delegado de Orde Público e Inspector de Fronteiras, Díaz Guevara tentou novamente a mesma manobra, obtendo idéntico resultado. Ó facerse cargo das milicias o comandante de Infantería Luis Fernández España a situación non fixo máis ca consolidarse, polo que o máximo responsable dos Carabineiros, "se resignó a que continuasen prestando el servicio en la misma forma que lo venían haciendo, toda vez que las autoridades superiores tenían conocimiento de todo y con su silencio lo aprobaban".
(*) Universidade de Vigo
Suscríbete para seguir leyendo
- Ni dolor de espalda ni hernia discal: los signos de alarma para sospechar de un tumor vertebral
- Hallan los cuerpos de Txell Fusté y Esteve Carbonell, desaparecidos en los Pirineos hace seis meses
- La Guardia Civil localiza a una niña pequeña deambulando sola por una calle de Nigrán
- Evacuados en helicóptero una niña y un adulto de urgencia desde las Islas Cíes
- «No podemos vivir el uno sin el otro», afirmaba Marisol, la víctima de Campo Lameiro
- Fer López, camino del Wolves
- Irene Díez, ginecóloga: “La incontinencia urinaria no se soluciona con compresas, hay que acudir al médico”
- Lista de espera para desbrozar fincas: «Hoy tuve que decir no a tres clientes»