Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Axuda humanitaria

Na guerra de Troia, os gregos levaron fronte aos muros da cidade fortificada un enorme cabalo de madeira, que foi introducido polos propios troianos sen saber que no seu interior se ocultaban soldados inimigos. Á noite, os guerreiros saíron, mataron os vixías e abriron as portas da cidade. O exército grego entrou e a cidade tivo que renderse.

Na reunión de Montevideo sobre Venezuela, celebrada o 7 de febreiro, coa participación da Unión Europea e algúns países latinoamericanos, acordouse propiciar o diálogo coas dúas partes en conflito. Maduro acepta, pero non a oposición apoiada pola administración de Estados Unidos que coordinou a autoproclamación de Juan Guaidó como presidente interino.

O país bolivariano é o que ten as maiores reservas de petróleo do mundo; unha realidade demasiado tentadora para o imperialismo estadounidense, que leva tempo tratando de desestabilizalo para facerse co control de tan estimable recurso.

En Venezuela iniciouse un camiño que ninguén sabe a onde conduce. Os niveis de desabastecemento afectan ao 80 por cento dos produtos básicos, hai desnutrición, faltan medicamentos e a diáspora medra cada día. A superinflación, que chega xa a dez millóns por cento, provoca a pobreza máis absoluta.

A axuda humanitaria, convertida en campo de confrontación, é unha necesidade urxente, pero formulada como un cabalo de Troia non parece que poida chegar a materializarse satisfactoriamente.

*Escritor estradense

Compartir el artículo

stats