Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

No pasamento de Manuel Vilanova

Acaba de extinguirse a persoa de Manuel Vilanova, altísimo poeta, crítico literario, home de lealtades persistentes e curiosidades universais. A poesía galega perde a posibilidade de novos libros, poéticos e mesmo proféticos, de Vilanova, pero el déixanos para sempre, á posteridade un bon quiñón de verbas en agurgullo que non ten posibilidade de estiñarse. Vexo Vilanova na Mineira, ou sexa no corazón do mal chamado Barbantes, que é o lugar da Barca desde o tempo no que os romanos atracaban alí o bote fluvial que traspasaba o Miño de alí a Puga, e volta. Comemos anguías no do señor José e á noite, fomos á adega do amigo Villamarín, a gulapear das súas prezadas botellas de torrontés e treixadura. Se cadra algún tinto con base no sousón. Logo acórdame cando me encontrei na vida con Manuel Vilanova. Era 1968 e el e máis Leónides e outros e outras faciamos un curso monográfico de doutoramento coa historiadora Gómez Molleda. En realidade o que fixemos foi a folga do 68, que a min me deu a ocasión de saber do mister de Vilanova. Celebrei o seu primeiro libro "Mejor el fuego". Pero máis celebrei que aquel xove e abundancial poeta en castelá pasase a corrente, ou sexa contracorrente, e turrase do liñón da barca para pisar a ribeira difícil da lingua galega. Fíxose Vilanova poeta en galego, sendo xa grande en castelán. Tendente á fondura do sentido e á multiplicidade dos recursos e á infinitude dos caudais linguísticos, Vilanova leu toda a poesía alega, portuguesa, castelán, e doutras linguas.

Foi, con Díaz Castro, con Crecente, con Faustino, un grande do poema católico, ao modo francés, nunha Galicia na que son raros os da tendencia. El sendo, de necesidade, prolífico, nunca se repetiu. Pásalle coma ao canto da fervenza ou fareixa, sempre igual e sempre diferente. Ou coma aos debuxos fascinadores das lapas na lareira dos longos invernos aldeás de antano. Nós teremos a Manuel Vilanova na memoria durante o tempo que a Nai Natureza nos vaia concedendo. Séxalle a terra leve a este claro varón das letras nosas.

Compartir el artículo

stats