Con toda a prudencia que esixe o caso, a decisión técnica adoptada pola "Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar" do "Ministerio de Transición Ecológica", que admite os criterios esgrimidos pola APDR, o Concello de Pontevedra e Greenpeace nos seus respectivos recursos contra a decisión do PP de prorrogar por 60 anos máis a concesión de ENCE en Lourizán, abre un futuro prometedor para o saneamento da Ría de Pontevedra.

Trátase dunha decisión axustada a dereito e fundamentada xuridicamente nun ditame do "Consejo de Estado", e nunha sentenza do Tribunal Constitucional (documentos ditados en ámbolos casos con posterioridade á Lei de Costas de 2013), que vén confirmar que a amentada prórroga é ilegal, tal como denunciamos desde o primeiro momento na APDR. Con efecto, admítese agora que esa prórroga superou o prazo máximo permitido na Lei e que non se xustifica que a actividade de ENCE non se poda realizar fóra do dominio público.

E, para nós, que vimos reivindicando o fin da actividade de ENCE na Ría de Pontevedra porque a súa presenza é incompatíbel co seu saneamento e explotación racional, esta decisión supón unha inxección de optimismo, unha fiestra aberta para seguir loitando por un futuro que non será completo en tanto non se acade de forma definitiva este obxectivo.

Porque, aínda que esta decisión permite a permanencia de ENCE en Lourizán ata 2033, existen razóns para seguir loitando polo cese inmediato da súa actividade neste emprazamento. Porque a prórroga foi concedida en base a dúas premisas falsas, pois nin é certo que ENCE cumpra a lexislación (como asegura o Informe emitido pola Xunta de Galicia), nin que non existan causas de caducidade total; ENCE -e naquel momento de forma máis evidente que hoxe- incumpre, entre outras, a Directiva 91/271/CEE, non cumpre algunha das esixencias establecidas no título concesional do 1958 como causa de caducidade, e ten transmitido ilegalmente a titularidade das accións, unha das causas esgrimidas polo Ministerio de Transición Ecolóxica no expediente de caducidade de ELNOSA e que concluíu co fin da actividade da electroquímica.

E, fronte aos que esquecen que o que está hoxe en cuestión é a continuidade de ENCE na Ría, e que os actuais propietarios -cando a mercaron a prezo de saldo- sabían que a concesión en dominio público remataba definitivamente en xullo do 2018; fronte aos que -de forma interesada e irresponsábel- auguran un futuro catastrófico para a comarca e para o país e non dubidan en utilizar cifras de emprego directo, indirecto e inducido que non responden á realidade, e que chegan a cuantificar en 80.000 as familias que dependen de ENCE, nós sostemos que esta fábrica, lonxe de seren o motor económico da comarca, é o freo para o desenvolvemento sustentábel da súa economía, un perigo permanente para o medio ambiente, e unha fonte de ameazas para a saúde e a calidade de vida da veciñanza, e -tamén- responsábel da desfeita dos nosos montes, da perda da súa rendibilidade, e de milleiros de postos de traballo no país.

Porque, fronte a quen defenden para a nosa comarca e o noso país un modelo económico ancorado no pasado e que se ten demostrado fracasado e expoliador do medio e os recursos naturais, defendemos un futuro baseado na explotación racional dos recursos (marisqueiros, pesqueiros, turísticos e do monte), no dereito ao lecer e á calidade de vida; defendemos unha Ría saneada e quen de desenvolver a súa vocación natural, e a explotación diversificada dos nosos montes. En definitiva, un modelo que permita albiscar un futuro máis alá do "pan para hoxe e fame para mañá" que algúns, cunha visión curtopracista e trasnoitada, seguen a defender.

*Presidente de la Asociación Pola Defensa da Ría